Xornalismo na Escola debate importantes temas da actualidade co alumnado de Carballo, Cee, Poio, Baiona, Melide, Marín, Fene e Sada

  • Obradoiro no IES Mestre Landín de Marín
  • Obradoiro no IES Monte Neme de Carballo
  • Obradoiro no IES de Poio

O programa de talleres de xornalismo responde a unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social de La Caixa, que recala en 60 institutos de toda a Comunidade. Os seguintes talleres impártense en Arzúa, Oleiros, Barro, Gondomar e Castro de Rei

O terrorismo, a violencia de xénero, os conflictos bélicos, a deontoloxía profesional no xornalismo, bulos, fakes ou xornalismo de investigación son algúns dos temas que os xornalistas responsables dos talleres de Xornalismo na Escola debatiron esta semana con alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO no IES Monte Neme de Carballo, no IES Fernando Blanco de Cee, no IES de Poio no IES Primeiro de Marzo de Baiona, no IES de Melide, no IES Mestre Landín de Marín, no IES de Fene e no IES Isaac Díaz Pardo de Sada. Esta iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social de La Caixa ten, entre outros obxectivos, inculcar o espíritu crítico ante a información da xente máis nova; explicarlles aos rapaces e rapazas o que é a mediación xornalística e por que é necesaria, e facerlles patente a diferencia entre o que é información xornalística e o que non é información xornalística.

Isto entre outras interesantes cuestións da profesión que, coa forma de obradoiros rigurosos e a súa vez, amenos e participativos, pretenden recuperar a dignidade na profesión, o entendemento e a complicidade da cidadanía (comenzando por un dos colectivos máis vulnerables á merma da ausencia do dereito á información, a xuventude) descubrirlles a propia profesión a moitos deles, polo amplo descoñecemento social que existe na actualidade en torno ao sector e fomentar entre os máis novos unha actitude diferente e motivadora, ante os profundos cambios que están acontecendo no xornalismo moderno.

Transformacións profundas que precisan dunha actualización, explicación e renovación na profesión xornalística para que esta sexa partícipe, de xeito positivo, dos devanditos cambios e para que así o identifique a cidadanía. 

Juan Modesto del Río, Jesús Manuel García, Olalla Liñares, Rebeca Romero, Mayte Silva e Víctor Sariego son os seis xornalistas, seleccionados en toda Galicia, encargados de impartir os obradoiros en 60 institutos de a Comunidade Galega, todos eles con amplia traxectoria no sector xornalístico galego. 

Cataluña, Sevilla e Madrid, son algúns lugares onde se ven celebrando talleres de similares características dende hai uns anos con gran éxito, repercusión e resultados positivos en multitude de ámbitos.

Xornalismo na Escola estará mañá, venres 8 de abril, no IES Val do Asma de Chantada, e a semana que vén no IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros e no IES de Barro (luns 11), no IES Auga da Laxe de Gondomar (xoves 14) e no IES da Terra Chá José Trapero Pardo de Castro de Rei (venres 15). 

NOTA: Para máis información sobre o proxecto, podes contactar con CPXG no 981 93 56 70 ou no mail xornalistas@xornalistas.gal. Se estás interesado na cobertura informativa dun dos talleres, podes tamén solicitalo a través dos mesmos medios.