Arranca 'Xornalismo na Escola' espertando o interese do alumnado

Taller de 'Xornalismo na Escola' no IES Pintor Colmeiro de Silleda

A posta en marcha da iniciativa  'Xornalismo na Escola', organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Obra Social ‘la Caixa’, tivo moi boa acollida entre o alumnado da ESO, entre o que se detectan eivas no coñecemento do dereito á información.

Os obradoiros de 'Xornalismo na Escola' para 3º e 4º da ESO dos institutos de educación secundaria de Galicia, postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Obra Social ‘la Caixa’, comezaron a súa andaina espertando grande interese entre os e as escolares. O balance dos tres primeiros talleres, realizados no IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, no IES Illas Ons de Bueu e no IES Pintor Colmeiro de Silleda, deita algunhas reflexións sobre as maneiras de se achegaren as e os adolescentes á comunicación. 

Totalmente inmersos desde pequenos nas redes sociais, os rapaces e as rapazas mostraron un maior coñecemento e inclinación cara aquelas cuestións e informacións que os impactan a través deste medio. Contodo, as noticias que despertan o seu interese e que comparten nas redes abranguen un abano moi amplo, indo desde temas como o fútbol ou a ecoloxía a polémicas da información autonómica ou anécdotas políticas. As implicacións da súa propia posición como difusores de información, ao compartiren noticias nas redes sociais, foi un dos aspectos que máis sorprendeu e interesou ao alumnado.

Porén, os obradoiros mostraron tamén que continúa a existir moito descoñecemento dos deberes e dereitos do exercicio do xornalismo, algo que confirma a necesidade de achegalo ás aulas. A figura do e da xornalista e, en xeral, a súa responsabilidade, é ignorada, situando aos profesionais como simples distribuidores de información, até o punto de que causou sorpresa entre algúns alumnos que Xornalismo fose unha carreira universitaria. De igual xeito, detectáronse eivas no coñecemento de dereitos básicos como os da libre información, da honra, da intimidade ou da propia imaxe.

Os talleres de 'Xornalismo na escola' continúan a semana que ven no IES David Buján de Cambre e no IES de Poio (luns 14), no IES Xulián Magariños de Negreira (martes 15), no IES Plurilingüe Fontexería de Muros e no IES de Salvaterra de Miño (mércores 16),  no IES Plurilingüe de Ames (xoves 17) e filnalmente no IES Plurilingüe Maruxa Mallo de Ordes, no IES Terra de Xallas de Santa Comba, no IES Pino Manso de Porriño e no IES Monte da Vila do Grove (venres 18).

CPXG