O Colexio de Xornalistas chama a facer un seguemento responsábel da información sobre o COVID-19
Perante os primeiros casos no Estado de persoas infectadas polo COVID-19, mais coñecido como coronavirus, e ante a previsión de que poidan producirse casos en Galicia ou, en calquera caso, aumentar a súa cobertura informativa na nosa contorna, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere facer un chamamento ao conxunto da profesión galega a informar desta enfermidade de maneira rigorosa e contextualizada e evitando tratamentos sensacionalistas que aumenten a alarma.
Aínda que non se está a producir unha emerxencia sanitaria no noso país, poden ser de aplicación neste caso algunhas das recomendacións da Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas do documento Informa_Dor. Así, á hora de informar sobre brotes de enfermidades é esencial rexeitar a linguaxe efectista e o tremendismo que poden provocar terror entre a poboación.
Contextualizar os feitos, indo máis alá dun simple listado de casos producidos, é a mellor maneira de manter informada á cidadanía de maneira responsábel. Neste sentido, nos casos de información sobre unha cuestión médica, cómpre priorizar as fontes expertas, que son as que poden explicar profundizar en cales son as causas e as consecuencias reales da enfermidade, evitando comportamentos alarmistas que non se correspondan coa situación real.
Por outra banda, as persoas infectadas co virus continúan a ter vixentes os seus dereitos á intimidade e á propia imaxe. É importante non fornecer datos persoais nin imaxes non autorizadas, así como asegurarse de que as familias e persoas achegadas xa foron informadas antes de publicar ningún tipo de información sensíbel.
Parece necesario, por último, volver lembrar que os principios do Código Deontolóxico Galego continúan vixentes. Nunha situación que pode provocar alarma é aínda máis importante, se cabe, observar sempre a distinción entre feitos e opinións, así como a difusión de suposicións e rumores, e só se poden publicar unicamente informacións fundamentadas. O rigor e a profesionalidade é a mellor ferramenta para realizar un xornalismo responsábel que fuxa de alarmismos e sensacionalismos.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia