25 anos de Andaina

Dossieres

Co gallo dos 25 anos de Andaina e a presentación este 16 de Maio dun número especial, ofertamos, en colaboración con esta revista decana do feminismo galego, unha escolma de artigos sobre xénero e comunicación.

No Observatorio queremos parabenizar a esta publicación, bo exemplo de como o movemento asociativo pode e debe ter un papel importante nunha comunicación responsábel coas cuestións de xénero.

Reproducimos a continuación a introdución a esta escolma:

"Este 16 de maio as mulleres que formamos parte de Andaina, revista galega de pensamento feminista, imos celebrar o 25 aniversario do nacemento desta revista. Neste maio do 2008 nosoutras imos facer deste xeito unha particular e emocionante celebración das letras galegas. E é que temos moito que festexar porque levamos vinte e cinco anos saíndo á rúa ininterrompidamente desde aquel entrañábel panfletiño de cor malva, número 0 en Xaneiro de 1983. Xaneiro de 1983!

Presentaremos así por este vintecinco aniversario unha edición facsimile onde escolmamos artigos, comentos, portadas e contraportadas. Precisamente como é facsímil veredes que o esforzo polo uso do galego ten estado sempre aí: con grallas, con erros, con faltas, coas liortas das normativas. Sempre na lingua, coa lingua e coas letras.

Tamén quixemos, por convite e idea do Observatorio Galego dos Medios, realizar unha escolma especial de artigos, para a difusión a través da rede, de editoriais, artigos e reportaxes que apareceron na nosa revista ao longo destes 25 anos sobre xénero e comunicación.

Moito temos camiñado e mudado a realidade na que viviamos, pero vemos como moitas das cuestións que se analizaba daquela desde as páxinas de Andaina continúan a ser actualidade e materia necesaria de transformación e mudanza.

Aquí atoparedes a nosa primeira capa, acompañada da primeira editorial, e desde aí un pequeno paseo por artigos e demais sobre o papel das mulleres nos medios, "como suxeito paciente e non axente" da primeira etapa de Andaina; reflexións sobre a primeira época da TVG; a situación das traballadoras nos medios decomunicación e na produción da información; ou o tratamento da violencia como información. Moitos destes textos critican aos medios de comunicación, xa que non podemos esquecer o papel que xogan á hora de manter unha estrutura de poder androcéntrica.

Desde Andaina, como revista e medio de comunicación, pensamos que podemos axudar na necesaria transformación da realidade na que habitamos, e tamén que se poden construir proxectos fortes como esta revista, no que as mulleres somos as protagonistas.

Andaina é a revista feminista en galego de máis longa traxectoria,que naceu co obxectivo de: difundir e animar o debate entorno ás posicións e teorías feministas existentes, á vez que denunciar as situacións de violencia e discriminación que lles acontecen ás mulleres.

Con distintas etapas e formatos, medrou en páxinas e colaboracións. Andaina quixo ao longo destes anos dar a coñecer as loitas do feminismo galego, abordou temas incómodos, estivo nos asuntos que nos inquedan, preocupan, atan, e sobre todo, foi un espazo único para a reflexión escrita das mulleres.

Tamén queremos recoñecer con esta pequena escolma o traballo invisíbel de milleiros demulleres, que ateigan as redaccións de xornais, radios e televisións do noso país, e que producen información, nunha situación laboral máis que precaria, na maioría dos casos.

OBSERVATORIO DOS MEDIOS / ANDAINA

Documentación