A eterna reforma da CRTVG

Dossieres

Vintecinco anos da televisión autonómica e nin unha soa reforma. Excepto os cambios tecnolóxicos adoptados, a TVG segue rexéndose do mesmo xeito que cando se creou, aló polo 1984, aínda que non empezou a emitir ata un ano despois.

As propostas de modificación foron moitas e moi diversas pero, ata o momento, ningunha delas foi adiante, polo que os cambios no ente público van camiño de converterse na eterna materia pendente do Goberno galego.

O bipartito levou esta reforma no seu programa, pero acabou a lexislatura sen facerse efectiva. Agora o PP promete cambiar a forma de nomear ao director xeral nos primeiros cen días do seu mandato, para que sexa elixido no Parlamento. Este é o compromiso adoptado por Alberto Núñez Feijóo, sen entrar en cambios máis profundos, como una modificación da Lei de Creación da CRTVG.

Polo momento, Feijóo só insiste en que "nos primeiros cen días" do seu mandato remitirá ao Parlamento "propostas de profesionais" para dirixir o ente público. O obxectivo é que algún destes nomes teña "o visto e prace" da Cámara galega.

Para iso deberá contar co concurso da oposición, se quere cumprir a súa promesa de que o novo director sexa aprobado polos dous terzos do Parlamento, un total de 50 deputados. O PP conta con 39 para esta lexislatura que agora se inicia, así que deberá sumar cando menos once votos máis, socialistas ou nacionalistas.

Porén, nada se fala aínda de cambiar tamén o xeito de conformar o Consello de Administración, que acaba reproducindo sempre a representación parlamentaria. Outras cuestións pendentes son rematar coa inestabilidade e a precariedade laboral dos traballadores da CRTVG, ou controlar as subvencións que se outorgan aos medios de comunicación privados por parte da Administración.

Moitas destas medidas estaban xa contempladas na iniciativa lexislativa popular impulsada polos propios traballadores da CRTVG, tras o caso do soterramento de reses en Mesía polo mal das vacas tolas e a ocultación posterior desta información por parte da televisión autonómica. Segundo un dos impulsores da reforma do ente público, Xosé Manuel Vega, este feito supuxo "a gota que colmou o vaso" para varios profesionais da TVG.

A partir de aí, iniciaron un longo proceso que rematou o 14 de maio de 2002, co rexeitamento por parte do Parlamento desta iniciativa, para a que tiveron que recoller as preceptivas 15.000 sinaturas da poboación galega.

Vega lembra que daquela o PSdeG e o BNG votaron a favor, mentres que o PP, no poder na Xunta, votou en contra cun argumento que "tiña a súa lóxica", como era que "a reforma da televisión autonómica debería agardar" a da Compañia da Radio e Televisión Española, que se produciu anos máis tarde coa chegada do PSOE ao poder.

Por iso, considera que agora non hai que mirar cara a atrás, senón "cara a diante" e asegura que se o PP finalmente fai a reforma prometida será "un fito histórico" que suporá "un antes e un despois" en Galicia.

O que foi decano do Colexio de Xornalistas de Galicia salienta que existe unha proposta desta asociación para a democratización dos medios públicos, na que se inclúe non só a elección do director xeral da CRTVG por parte do Parlamento de Galicia, senón tamén a reforma do seu Consello de Administración e a creación dun Consorcio Audiovisual de Galicia, como "órgano superior" do sector.

Actualmente, o Consello de Administración non ten capacidade executiva, e se limita a reproducir a representación parlamentaria. Así, conta con seis postos do PP, catro do PSOE, e dous do BNG, aínda que un deles está vacante por falecemento da persoa que o ocupaba.

Os doce membros elíxense polo Parlamento para cada lexislatura. Ao igual que a elección do director xeral do ente público, a renovación deste Consello acaba sendo unha cuestión política, co que máis que estar integrado por "persoas de acreditado prestixio profesional" no sector, como figura na Lei de Creación da CRTVG, acaba formado por representantes dos partidos, como premio aos seus servizos.

MONICA SEQUEIRO
XORNAL DE GALICIA

Documentación