A FeSP rexeita a "contrarreforma audiovisual" do Goberno

Dossieres

Este mércores terminou o prazo para presentar emendas á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que se discutirá moi pronto na Comisión Constitucional do Senado.

Aprobado o proxecto no Congreso dos Deputados, só mellorou substancialmente nas garantías de non privatización das radiotelevisións autonómicas e locais, a súa función de produción e edición de programas, o seu sistema mixto de financiamento, e o seu funcionamento a través de contratos programa e mediante a lexitimación parlamentaria (e non gobernamental) dos correspondentes órganos de xestión.

Tamén houbo algún avance en relación á participación das comunidades autónomas na definición do espazo radioeléctrico estatal e aos acordos bilaterais como única condición para a recepción mutua de televisións en comunidades veciñas, como o conflitivo caso de TV3 e Canal 9.

Con todo, para a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) pervive o negativo da proposta audiovisual do Goberno, frontalmente oposta ao modelo esbozado pola Comisión de Expertos nomeada por Rodríguez Zapatero en 2004, e que permitiu a lei de reforma de RTVE, baseada nunha clara definición do servizo público e nunha subvención clara a través do contrato programa, a máis diso unha dirección elixida por unha maioría cualificada do Parlamento.

Non hai no proxecto de Lei unha consideración do sector audiovisual como un espazo de servizo público, exixible a todos os operadores que gozan dunha concesión do espazo radioeléctrico, senón unha concepción de mercado audiovisual, de pura actividade económica, moi grata a quen foron os grandes inspiradores e beneficiados desta proposta: os prestadores privados agrupados na Unión de Televisións Comerciais Asociadas (Uteca).

Unhas empresas ás que se concede unha ampliación das licenzas de 10 a 15 anos e a súa renovación automática non contemplada na normativa europea; ás que se garanten amplos límites para a publicidade (consagrada xa por lei a súa desaparición en TVE) e para as fusións entre cadeas; a inclusión das teleseries no obrigado 5% de investimento en cine europeo, e o "dereito á autorregulación", de ridículo balance ata o presente e oposto a unha verdadeira regulación que debería estar en mans da autoridade audiovisual, o Consello Estatal de Medios Audiovisuais. Un CEMA ao que non se cede a competencia da concesión de licenzas (só os requisitos dos concursos) e ao que se resta capacidade sancionadora, especialmente no caso de faltas leves e de emisión de publicidade que incumpra os principios da Lei.

Doutra banda, e completando un modelo máis liberalizador que regulador, circunscríbense á radiotelevisión pública as obrigacións de servizo público que se supón contrarias a unha programación maioritaria, e limítase o seu crecemento e o seu orzamento a un incerto financiamento baseado nos beneficios das privadas, segundo uns criterios que pode cuestionar a Unión Europea.

Avánzase así, pola tolerancia á concentración de cadeas e polas prohibicións á radiotelevisión pública (en canto á compra de dereitos deportivos e de grandes producións de Hollywood), cara a unha realidade de dúas grandes cadeas privadas, nacidas dos procesos de fusións en curso, e dunha radiotelevisión pública bonsái, ao estilo de EE.UU., de calidade pero marxinal, e sen capacidade de exercer a súa función vertebradora da cohesión social. Unha radiotelevisión pública que se aproximaría así á realidade dos medios comunitarios ou do terceiro sector, que a Lei tolera pero que encorseta cunha limitación abusiva do seu orzamento e co veto ao financiamento vía publicidade.

Por todo iso, a FeSP fai un novo chamamento á recuperación do modelo audiovisual prometido polo presidente do Goberno antes de acceder ao cargo, e que creou esperanzas entre unha cidadanía e uns profesionais fartos tanto da teleporquería como da manipulación informativa. A Federación de Sindicatos de Xornalistas apoiará as formulacións e as emendas que vaian nese sentido. Para evitar, seis anos logo dos compromisos de Rodríguez Zapatero, que se consome esta verdadeira contrarreforma lexislativa que non pode levar máis que á fractura audiovisual na sociedade española e á deterioración da súa calidade democrática.

Xunta Executiva Federal da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP)

Documentación