A liberdade de prensa
O barómetro da liberdade de prensa 2010 do sitio web de Reporteiros sen fronteiras amósanos o seguinte balance: 9 xornalistas mortos, 0 colaboradores mortos, 168 xornalistas encarcerados; 9 colaboradores encarcerados e 120 net-cidadáns encarcerados.
É unha cifra efémera que pode durar días ou horas, o que amosa a vulnerabilidade da liberdade de prensa no mundo. Pero a morte, cárcere ou acoso das e dos profesionais da información non son os únicos perigos que ameazan a liberdade de prensa. O día 3 de maio, proclamado pola ONU como Día Mundial da Liberdade de Prensa, ven recoñecer que a existencia dunha prensa libre, plural e independente é alicerce básico para a unha verdadeira sociedade democrática. Para protexela non abonda con salvagardar a vida das e dos xornalistas. Cómpre asegurar o exercicio da profesión con garantías que van dende a necesaria protección da vida física ao respecto á independencia e liberdade no traballo cotián pero tamén unhas condicións sociolaborais dignas. A actual situación de crise económica mundial supón un duro golpe para a liberdade de prensa, non só pola diminución e limitación de recursos dos medios senón polo constatable empeoramento das condicións laborais das informadoras e dos informadores.
Así, o Sindicato de Xornalistas de Galicia advirte de que nas listaxes do INEM de outubro de 2009 había o dobre de xornalistas có ano anterior. Tamén o Estudo sobre a situación dos e das xornalistas en Galicia -realizado pola consultora Cidadanía para o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2009- amosa unha preocupante precarización do emprego dos profesionais e unha merma nas condicións laborais xa de seu inestables. Este deterioramento incide necesariamente no traballo que se realiza. Se o dereito á liberdade de expresión e información é recoñecido constitucionalmente para todos os cidadáns e o xornalista exerce de mediador entre esa cidadanía e a realidade, a inestabilidade laboral é sen dúbida un risco importante para a garantía deses dereitos. Asemade, a multiplicación de medios co boom electrónico provoca unha multiplicación do número de emisores pero tamén a incerteza do receptor ante ese murmurio xordo que acaba convertendo a exposición a un volume inxente de información en desinformación. A vulnerabilidade –laboral e física- da figura do mediador diminúe a garantía da liberdade de prensa para a cidadanía e, sen ela, empobrécese substancialmente a democracia.
Pero neste Día da Liberdade de Prensa non só podemos laiarnos polas vidas perdidas no exercicio profesional no mundo nin pola precarización das condicións laborais dos profesionais provocada pola crise (coa conseguinte resistencia empresarial dos grandes grupos, desaparición ou redución de pequenos emisores e máxima dependencia do sector público). A discutida sentenza xudicial a Daniel Anido e Rodolfo Irago –profesionais premiados co galardón Xosé Couso da Liberdade de Prensa deste 2010- lémbranos a fraxilidade coa que os profesionais afrontan o exercicio diario da súa profesión. A Xunta de Goberno do CPXG xa amosou a súa preocupación por unha sentenza que non considera Internet un medio de comunicación social "en sentido estricto" e, por tanto, suxeito á protección constitucional do dereito á información. O CPXG considera que debe prevalecer sempre o dereito dos cidadáns a recibiren información veraz e plural, así e como o dereito dos xornalistas a non revelaren as súas fontes.
Con estes febles vimbios as e os xornalistas tecen o seu traballo cotián nesta efemérede do Día Mundial da Liberdade de Prensa de 2010. A precaridade –laboral pero tamén nas liberdades- no exercicio da profesión incide directamente na información que recibe a cidadanía e, por tanto, trae consigo a grave erosión dun elemento substancial da nosa sociedade. A crise económica non pode converterse nunha crise da democracia e, para iso, cómpre protexer a figura das e dos xornalistas como elemento crucial e garante dunha verdadeira liberdade de prensa.
Texto de Rosa Aneiros
Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia