Anido e Irago, absoltos do delito de revelación de segredos

Dossieres

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar publicamente a súa satisfacción pola sentenza da Audiencia Provincial de Madrid que absolve ao director da SER, Daniel Anido, e ao director de Informativos, o colexiado Rodolfo Irago, do delito de revelación de segredos e anula a resolución do xulgado do penal número 16 de Madrid.

A sentenza da Audiencia conclúe que a lista de afiliacións irregulares no PP de Villaviciosa de Odón, publicada na web da SER, non constitúe ningún arquivo nin libro de afiliados, polo que non pode existir delito de revelación de segredos.

Esta Xunta de Goberno entende que esta sentenza avala a actuación de Anido e Irago, que se limitaron a cumprir co seu deber profesional: informar de feitos veraces e de interese público, como mesmo se recoñece na primeira resolución xudicial.

O CPXG xa criticara a sentenza condenatoria do xulgado do penal, especialmente polos argumentos empregados polo seu titular e por deixar sen protección aos medios de comunicación que empregan como soporte a internet, extremos sobre os que a Audiencia non considera necesario entrar. O Colexio de Xornalistas reafírmase naquel posicionamento e agarda que a xudicatura garanta a protección do exercicio do xornalismo na internet na mesma medida que no resto de soportes.

O Colexio de Xornalistas quere felicitar publicamente a Anido e Irago, que obtiveron o recoñecemento da profesión periodística galega coa concesión da última edición do Premio José Couso á Liberdade de Prensa, que entrega o CPXG e o Club de Prensa de Ferrol co patrocinio de Caixanova.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Documentación