BNG abandona a negociación para a reforma da CRTVG

Dossieres

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidade que representa legalmente á profesión no noso país, amosa a súa preocupación polo desacordo producido no seo da ponencia conxunta para a reforma da Compañía da Radio Televisión de Galicia, ao renunciar a ela o grupo parlamentario do BNG.

Esta decisión supón pechar a vía de consenso na que se viña traballando desde hai tempo, deixando aberta unicamente a posibilidade de que a reforma se aprobe mediante propostas dos distintos grupos.

O CPXG chama á responsabilidade dos grupos políticos para que, por calquera vía, non se adíe máis unha reforma que, cando menos eles mesmos, os colectivos profesionais e os traballadores da CRTVG consideran urxente e necesaria. A entidade colexial recorda que a modificación da Lei da Compañía de Radio Televisión de Galicia foi no seu día unha promesa electoral de todos os partidos con representación parlamentaria e que foi obxecto tamén dunha Iniciativa Lexislativa Popular. E, sobre todo, que a maiores dos propios traballos da ponencia conxunta, hai experiencias e estudos abondo –moitos que promoveu ou nos que participou o CPXG- para establecer as liñas mestras deses cambios.

A Xunta de Goberno do CPXG considera que avanzar na profesionalización e independencia dos medios públicos e poñer as bases para garantir neles o acceso da cidadanía a unha información veraz e plural está por riba das lexítimas controversias entre os grupos políticos.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Documentación