Cando vivir significa tomar partido
Nunca imaxinei que chegaría un día en que os xornalistas tivesemos que tomar partido, dar un paso adiante e significarnos para salvar a profesión da deterioración á que está sometida nos últimos anos.
A maioría de nós non temos esa vocación, pero resistímonos a ser vítimas da apatía, da indiferenza. As circunstancias obrígannos. O xornalismo encamíñase cara á súa autodestrución e chegou o momento de reaccionar antes de que o último de nós asine a carta de defunción, apague a luz e peche a porta.
Nos últimos catro anos perdéronse máis de 6.000 empregos na profesión, pecháronse 52 medios de comunicación e abríronse 23 Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), segundo os datos da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE). Cada ano licéncianse 3.000 xornalistas. Só 500 conseguen traballar. Cada día que pasa destrúense 15 postos de traballo nos medios de comunicación. Tapamos a hemorraxia coas nosas mans, coñecedores de que pouco podemos facer ante a avalancha de malas novas que está por vir. Somos os principias prexudicados polo peche de empresas, polos despedimentos masivos, pola precarización das condicións laborais e salariais e pola perda alarmante de recursos para desenvolver o noso traballo, sen obviar que moitos dos responsables destas decisións son tamén xornalistas. Vítimas e verdugos.
Estou convencido de que ningún compañeiro se fixo xornalista para participar do actual estado da profesión. Eu, polo menos, non. Case todos temos unha idea do oficio que se dá de bruces contra a realidade e fainos caer vítimas da desilusión e a desmotivación, a perdición dunha carreira. A crise, que moitos usan como escusa, debilita o noso dereito a exercer a profesión con dignidade e arruína o dereito dos cidadáns a unha información veraz, plural e rigorosa.
Por todo isto, e porque é o momento perfecto para que os lobos salten sobre as súas presas e consigan sometelas e volvelas dóciles e submisas, chegou o tempo de significarse e dar a cara por unha profesión que tanto nos ofrece e que tan necesaria é.
Por un xornalismo forte e orgulloso de seu que sirva de freo ao control que exercen os poderes político e económico e que fiscalice con rigor as actuacións dun e doutro.
Por un xornalismo responsable que non consinta roldas de prensa sen preguntas.
Por un xornalismo de calidade que non abuse nin de bolseiros sen salario, ou contratados por un soldo indigno, nin de compañeiros con pouca experiencia. Que sexan xornalistas quen organicen as redaccións, non as xerencias nin os departamentos de recursos humanos das empresas, que descoñecen as verdadeiras necesidades profesionais.
Por un xornalismo, en definitiva, que non se vexa obrigado a saír á rúa cada 3 de maio para espantar as pantasmas.
Din que sen xornalistas non hai xornalismo. E engaden que sen xornalismo, non hai democracia. Eu matizo. A democracia está a salvo, pero, invocando a Gramsci, se non reaccionamos, será unha democracia de cidadáns (xornalistas) indiferentes, que abdican de tomar partido, de significarse. De vivir.
Alfonso Hermida, xornalista