Código Deontolóxico do Xornalismo Galego
O Código Deontolóxico foi elaborado nos primeiros anos de vida do Colexio. Neste tempo foise adaptando as suxestións e modificacións que os propios colexiados foron aportando. O texto establece os puntos básicos para a ética da profesión.
Introducción
A liberdade de expresión e o dereito á información son dous fundamentos substanciais da sociedade democrática. Os dous son dereitos recollidos e amparados pola Constitución. Do vigor, o respecto e a plena vixencia destes principios depende a existencia dunha opinión pública plural e independente, requisito indispensable para o bo desenvolvemento da vida pública e a plenitude do sistema democrático.
A garantía dos dereitos da cidadanía require a defensa duns medios de comunicación libres, plurais, críticos e abertos á sociedade á que serven. A importancia da función social que presta o/a xornalista a través dos medios de comunicación, como elemento principal para o exercicio destes dereitos, esixe salvagardar permanentemente estes principios de calquera intento de restricción ou coacción procedente de toda forma de poder, así coma da súa posible degradación, producida pola súa eventual inobservancia ou adulteración por parte dos propios medios ou de quen traballa neles.
Na súa condición de actores principais do exercicio dun dereito fundamental, do que son depositarios tódolos cidadáns, os/as profesionais da información deben desenvolver a súa función atendendo ao dobre compromiso da responsabilidade, derivada da súa importante tarefa e do mandado da súa propia conciencia, de acordo co ordenamento constitucional e cos principios deontolóxicos da profesión xornalística.
Para manter con plenitude estes principios, o/a xornalista debe defender e aplicar rigorosamente as normas nas que asenta a súa actividade, atendendo aos seguintes criterios.
Criterios
- Observar sempre unha clara distinción entre feitos e opinións ou interpretacións, evitando toda confusión ou distorsión deliberada de ámbalas dúas, así como a difusión de suposicións e rumores. A primeira obriga do/a xornalista é a busca da verdade e a súa esencia é a disciplina da verificación.
- Difundir unicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, que poidan lesionar ou menosprezar a dignidade das persoas e provocar un dano ou descrédito inxustificados a institucións e entidades públicas e privadas, así como a utilización de expresións ou cualificativos inxuriosos. Os/as xornalistas deben lealdade, ante todo, á cidadanía.
- Rectificar con dilixencia e co tratamento adecuado á circunstancia, as informacións e as opinións que delas deriven, que estean probadas como falsas e que, por este motivo, resulten prexudiciais para os dereitos e intereses lexítimos das persoas e/ou organismos afectados, sen eludir, se fose preciso, a desculpa, con independencia do que as leis dispoñan ao respecto.
- Utilizar métodos dignos para obter información ou imaxes, sen recorrer a procedementos ilícitos. Mercar información é contrario a ética xornalística.
- Respectar o off the record cando este fose expresamente invocado, conforme coa práctica usual desta norma nunha sociedade libre.
- Recoñecer ás persoas individuais e/ou xurídicas o seu dereito a non proporcionar informacións nin responder preguntas, sen prexuízo do deber dos/as xornalistas de atender o dereito da cidadanía á información. Canto a asuntos relacionados coas administracións públicas, o dereito fundamental á información debe prevalecer sempre por riba de calquera restricción que vulnere inxustificadamente o principio da transparencia informativa á que estean obrigadas.
- Non aceptar nunca retribucións ou gratificacións de terceiros, por promover, orientar, influír ou ter publicado informacións ou opinións. En todo caso, non se simultaneará o exercicio da actividade xornalística con outras actividades profesionais incompatibles coa deontoloxía xornalística, como a publicidade, as relacións públicas e as asesorías de imaxe, sexa no ámbito das institucións ou organismos públicos, coma en actividades privadas. Os/as xornalistas deben manter a súa independencia con respecto a aqueles de quen informan e exercer un control profesional con independencia do poder.
- Non utilizar nunca en beneficio de intereses propios ou doutras persoas informacións privilexiadas, obtidas de forma confidencial, como xornalistas, no exercicio da súa función informativa.
- Respectar o dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe, especialmente en casos ou acontecementos que xeren situacións de aflición ou dor, evitando a intromisión gratuíta e as especulacións innecesarias sobre os seus sentimentos e circunstancias, especialmente cando as persoas afectadas o expliciten.
- Observar escrupulosamente o principio de presunción de inocencia nas informacións e opinións relativas a causas ou procedementos penais en curso.
- Tratar con especial tino toda información que lles afecte a menores, evitando difundir a súa identificación cando aparezan como vítimas (agás no suposto de homicidio), testemuñas ou inculpados en causas criminais, sobre todo en asuntos de especial transcendencia social, como é o caso dos delictos sexuais. Tamén se evitará identificar contra da súa vontade ás persoas próximas ou parentes inocentes de acusados ou convictos en procedementos penais.
- Actuar con especial responsabilidade e rigor no caso de informacións ou opinións con contidos que poidan suscitar discriminacións por razóns de sexo, raza, crenza ou extracción social e cultural, así como incitar ao uso da violencia, evitando expresións ou testemuños vexatorios ou lesivos para a condición persoal dos individuos e a súa integridade física e moral.
Declaración final
Os/as xornalistas teñen que dispor dos medios e instrumentos imprescindibles para poder desenvolver a súa actividade con plena independencia, liberdade, iniciativa e sentido da responsabilidade, tanto no que se refira ao ambito profesional como ao estrictamente laboral.
Neste senso e para a plena garantía dos seus dereitos individuais e do seu compromiso diante da cidadanía, os/as profesionais da información deberán estar amparados pola cláusula de conciencia e o segredo profesional, dentro do marco das leis, tal como recolle a vixente Constitución.
Ademais, consideramos necesario o establecemento dos estatutos de redacción, como instrumento máis axeitado para acoutar os seus dereitos e deberes nas empresas, e para conseguir, en última instancia, unha maior transparencia no exercicio da súa función diante da cidadanía.
As entidades e organizacións profesionais representativas deberán velar pola boa imaxe da profesión xornalística, procurando evitar as prácticas abusivas e corruptas que contraveñan os principios elementais da ética do xornalismo, así como os intentos de limitar o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e de información, mediante actos ou opinións dirixidos a restrinxir ou influír lesivamente na libre actividade dos medios de comunicación e de quen traballan neles.
De cara a unha mellor e máis fiel realización desta tarefa, habería que considerar a constitución dun Consello da Comunicación de Galicia entendido como organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos que, sen esquecer os dereitos constitucionais que lles asisten aos/ás particulares e ás empresas e que, á marxe das atribucións dos órganos xudiciais, atendese esta función de forma permanente.