Continúan as protestas contra o ERE de Telemadrid
Nin a aprobación, o pasado 8 de xaneiro, do ERE definitivo en Telemadrid, nin a comunicación dos 861 despedimentos, que comezou tres días máis tarde, pararon as protestas dos traballadores do ente autonómico madrileño.
Se ben se rematou coa folga indefinida, de vinte días, que mantivo a pantalla da canle autonómica en negro, os traballadores realizaron paros parciais, coincidentes coa emisión dos informativos.
O pasado sete de febreiro, coincidindo coa concentración que todos os xoves manteñen os traballadores de Telemadrid contra o ERE, tivo lugar na capital española unha manifestación en defensa da radiotelevisión pública con presenza de traballadores dos entes autonómicos de todo o Estado.
A última iniciativa, da man dalgúns traballadores despedidos, é a posta en andamento dunha televisión por internet, TmEx.es, que se anuncia como "a televisión de todos".