Lei de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Lei 2/1999, do 24 de febreiro, de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Diario Oficial de Galicia. Número 47, martes, 9 de marzo de 1999.
I.DISPOSICIÓNS XERAIS
PRESIDENCIA.-
O artigo 20 da Constitución española afirma que todo cidadán ten dereito a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión; ese dereito fundamental non estará realmente protexido se non existen sistemas de autocontrol no exercicio profesional do informador e organismos que garantan o exercicio digno da profesión fronte ós poderes públicos e empresariais. A indefinición da lexislación sobre xornalismo fai urxente a necesidade de defini-la figura do profesional da información; é por isto que a profesión xornalística precisa da vertebración profesional nunha estructura colexial.
A creación dun Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia como entidade de dereito público deberá servir para ampliar e consolida-la tarefa dos xornalistas desde as súas asociacións, tendo como obxectivos fundamentais a defensa do dereito á información e a autoesixencia profesional. Trátase dun paso máis na defensa do dereito dos cidadáns a unha información veraz.
De acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do previsto no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios profesionais, e no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, todo isto en relación co disposto no artigo 4.1 e demais concordantes da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro, modificada tamén pola Lei 7/1997, do 14 de abril, de medidas liberalizadoras en materia de solo e de colexios profesionais, prevese con esta lei a creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, tendo en conta a solicitude formulada polas asociacións representantes dos profesionais do xornalismo galego, asistentes ó IV Congreso de Xornalistas de Galicia, que tivo lugar en Santiago de Compostela.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Artigo l
Créase o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, como corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e con plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
Artigo 2
O ámbito de actuación do colexio será o territorio de Galicia.
Artigo 3
1. Poderá ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quen estea en posesión do título de licenciado en xornalismo, para o que habilitan as titulacións correspondentes das facultades de Ciencias da Información, Ciencias da Comunicación ou Ciencias Sociais. Tamén poderán ser membros os licenciados en imaxe ou comunicación audiovisual, sempre que acrediten que están a desenvolver labores informativos.
2. Quen teña superado o primeiro ciclo de xornalismo poderá inscribirse no colexio, pero non adquirirá plenos dereitos de colexiado ata que non termine os seus estudios.
Disposición adicional única
Os xornalistas inscritos no Rexistro Oficial de Periodistas da Federación de Asociacións da Prensa de España (FAPE) con anterioridade á creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poderán formar parte do dito colexio, sempre que o soliciten.
Disposición transitoria primeira
Así mesmo, poderán formar parte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia os profesionais que proben o exercicio da actividade xornalística de xeito principal, habitual e retribuído na data de publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do Proxecto de lei de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Unha comisión creada para o efecto estudiará, de xeito individual, o cumprimento dos requisitos de ingreso. Logo da súa publicidade, a comisión abrirá un prazo de seis meses para a recepción das solicitudes de ingreso, a partir do momento da aprobación da lei. Transcorrido o dito prazo sen presenta-la pertinente solicitude, quedará pechada esta vía de colexiación.
Os acordos da comisión poderán ser obxecto de recurso ante a comisión xestora.
Disposición transitoria segunda
1. As asociacións profesionais representantes do xornalismo de Galicia participantes no IV Congreso de Xornalistas de Galicia, que tivo lugar en Santiago de Compostela, designarán unha comisión xestora que terá como misión:
a) Nomea-la comisión á que se refire a disposición transitoria primeira.
b) Resolve-los recursos que se presenten contra os acordos da mencionada comisión.
c) Elaborar e aproba-los estatutos provisionais do Colexio Profesional de Xornalistas, nos que se regulará a asemblea constituínte, tendo en conta o censo de profesionais aprobado para o efecto, así como o procedemento de desenvolvemento dela.
A convocatoria da asemblea constituínte deberá anunciarse, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e nos periódicos de maior difusión de Galicia.
2. A asemblea constituínte deberá:
a) Elaborar e aproba-los estatutos definitivos do colexio.
b) Elixi-los membros dos seus órganos colexiados de goberno.
3. Os estatutos definitivos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para a cualificación da súa legalidade e, se é o caso, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira
Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e nove,
Manuel Fraga Iribarne
Presidente