Medios de comunicación e violencia de xénero: Declaración de Compostela

Recursos

A ininterrompida sucesión de casos de violencia contra as mulleres representa hoxe en día un problema social de primeira orde, polo que se fai imprescindíbel activar todos os resortes propios dun estado de dereito para atallalo.

As razóns de partida

A ininterrompida sucesión de casos de violencia contra as mulleres - violencia de xénero - representa hoxe en día un problema social de primeira orde, polo que se fai imprescindíbel activar todos os resortes propios dun estado de dereito para atallalo.

Evitar a aparición de novas vítimas, involucrando a cantos teñen a obriga constitucional e institucional de previlo, e provocar o rexeitamento social de calquera das variantes delitivas que este tipo de violencia está producindo, son os obxectivos máis urxentes nesa dirección. Sen esquecer todo o que educativa e culturalmente presupón unha viraxe en toda regra respecto dos valores que viñeron alimentando o que en boa medida está no cerne dese problema social, a priorización histórica do rol masculino sobre o feminino.

Os medios de comunicación xogan en todo iso un papel decisivo, non só como garantes do dereito dos cidadáns a recibir unha información veraz, tamén como fornecedores daqueles valores (igualdade, non discriminación por razóns de sexo, solidariedade coas vítimas…) que máis e mellor contribúan a conseguir eses obxectivos. Que estean hoxe en día nas axendas sociais e mediáticas débese sen dúbida á loita reivindicativa que desde hai moitos anos veu levando a cabo o movemento asociativo de mulleres, e tamén aos numerosos traballos de teorización sobre xénero que xa constitúen un corpo de doutrina imprescindíbel para abordar con enfoque interdisciplinar esta problemática.

Non obstante, a cobertura informativa que se lle vén prestando a este tipo de violencia non sempre é a máis axeitada nesa dirección. Polo contrario, nesas informacións téñense detectado eivas que revisten unha enorme gravidade, entre as que hai que subliñar a que se deriva dos procedementos que ignoran ou subestiman o dereito á intimidade persoal e familiar das vítimas, e que por iso mesmo urxe eliminar.

Conscientes da necesidade de establecer un compromiso público a prol dun asisado tratamento informativo dos actos de violencia de xénero, e facéndose eco da preocupación que teñen amosado diversos colectivos sociais e profesionais ao respecto, os participantes na Xornada que sobre Medios de comunicación e violencia contra as mulleres se desenvolveu no Instituto Galego da Información, convocados polo Observatorio Galego dos Medios (OM), creado ao amparo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), decidiron asumir e levar á práctica as recomendacións contidas nesta:

DECLARACIÓN DE COMPOSTELA

1. A violencia de xénero baséase nun modelo patriarcal de sociedade no que o rol feminino estivo e está supeditado ao masculino.

2. Este tipo de violencia non só se manifesta nos malos tratos dentro do ámbito doméstico, senón tamén nos abusos e agresións sexuais, no acoso laboral, na prostitución, e na violencia específica e singular contra as nenas.

3. Medios e xornalistas enfocarán estas agresións como unha violación dos dereitos humanos, e como un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas.

4. Ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade. Medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta.

5. Medios e xornalistas afrontarán informativamente estes casos como un problema social, e tentarán enmarcalos sempre na problemática xeral da violencia contra as mulleres. En consecuencia, non se tratarán como casos illados da crónica negra, obviando o seu emprazamento nas páxinas ou bloques informativos destinados aos sucesos.

6. Evitar o sensacionalismo, o morbo e o dramatismo -tanto no tratamento do texto como das imaxes-, o que obriga aos medios audiovisuais a coidar non só a recollida de imaxes e son, senón tamén a súa edición e difusión, desbotando os recursos propios dos "reality shows", dos programas de sucesos ou das series de ficción.

7. Respectar o dereito á intimidade e a dignidade das persoas agredidas,
especialmente cando se trate de menores de idade, garantindo o seu anonimato, polo que medios e xornalistas absteranse de difundir datos ou imaxes que as poidan identificar sen antes obter o seu consentimento, respetando en todo caso o seu dereito a non facilitar a información que se lles demande.

8. Para abordar estes casos de violencia coa sensibilidade e o rigor profesional que esixen as vítimas e demandan os sectores máis concienciados da sociedade, faise necesario un tratamento especializado dos mesmos, afondando nas súas causas e nas súas consecuencias, o que comporta afrontalos con perspectiva interdisciplinar (social, económica, política, cultural…).

9. Coidar a relación coas fontes, que han ser diversas e plurais, sen cinguirse exclusivamente por iso ás oficiais, tendo en conta sempre aquelas fontes expertas que contribúan a contextualizar informativamente non só o suceso en si, senón tamén os procesos aos que se terá que enfrontar con posterioridade a vítima (acollida e asistencia, tribunais, situación laboral, vivenda…), desbotando os testemuños de fontes espontáneas cando non acheguen datos relevantes para a información.

10. Facilitar información útil e de servizo ás mulleres afectadas, explicándolles os recursos dos que dispoñen – casas de acollida, asesoramento psicolóxico, trámites xudiciais, axudas da administración...- para afrontaren a súa situación con garantías e así conseguir superala.

11. Medios e xornalistas evitarán os estereotipos, prexuízos e tópicos ligados á violencia contra as mulleres:

  • os malos tratos non son froito dun "feito pasional", son un delito.
  • os malos tratos son un feito transversal a todos os estratos sociais; non se producen exclusivamente entre as clases marxinais.
  • a vítima nunca é responsábel do feito violento, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que a culpabilice.
  • o agresor é o único responsábel do acto violento, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que o xustifique, como sucede sempre que se bota man doutras circunstancias persoais (alcoholismo, ciumes…) alleas ao feito en si, desbotando en consecuencia todo aquelo que poidese asegurarlle a impunidade.
  • a linguaxe sexista reforza a dominación simbólica contra as mulleres, polo que é imperativo desbotala dos relatos xornalísticos.

Compostela, 16 de Outubro do 2004