O Colexio de Xornalistas rexeita a imposición dos bloques electorais nas televisións privadas

Dossieres

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) amosa a súa fonda preocupación polo anuncio da Comisión Constitucional de incluir na reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral a obriga para as televisións privadas de emitir bloques electorais.

A medida, que aínda debe ser "retocada técnicamente" a través de enmendas no trámite parlamentario, obrigaralles ás cadeas a confeccionar unha sección especial sobre a campaña electoral ordenando os contidos en función dos resultados que as formacións políticas colleitaran nos anteriores comicios, e baixo a tutela da Xunta Electoral.

O CPXG considera que esta práctica de incluír por imperativo legal actos de propaganda política vai en contra da obriga democrática de separar a información da opinión e da propaganda. Conforme á Constitución Española, os titulares do dereito á información son os cidadáns e os que teñen o deber de darlle satisfacción a ese dereito son os medios de comunicación e os xornalistas.

Os criterios cos que se debe seleccionar e transmitir a información son os de relevancia e interese público e non o interese partidario. Por tanto, a relevancia e presenza que deba ter unha proposta política nun espazo informativo debe estar determinada pola transcendencia e relevancia pública de tal proposta e non pola representación parlamentaria que teña determinada formación política.

Esta nova imposición significa unha deturpación do dereito á información que se ve agravada pola práctica inadmisible dos dous partidos maioritarios que ultimamente lles impiden ás televisións gravar os seus mitins e obríganas a utilizar as imaxes que eles mesmos serven, realizadas con criterios partidarios e de propaganda, incompatibles de raíz co obrigado rigor e obxectividade do traballo do xornalista. Afonda tamén na mala praxe, tan de moda entre os políticos, de facer declaracións ós medios sen deixarlle ós profesionais exercer o seu dereito a facer as preguntas que consideren de interese.

O CPXG quere lembrar finalmente que ten presentado, xunto co Col.legi de Periodistes de Catalunya, un recurso diante do Tribunal Constitucional contra os bloques electorais nas televisións públicas e que seguirá mantendo esta firme oposición, ampliada agora ás televisións privadas, naqueles foros que considere oportunos.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Documentación