O CPXG rexeita o sistema de bloques aplicado á información electoral nos medios públicos

Dossieres

O CPXG defenderá a información profesional nos medios públicos, conxuntamente co Col.legi de Periodistes de Catalunya e a Asociación da Prensa de Madrid, diante das instancias que estimen necesarias.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) rexeita o sistema de bloques aplicado á información política nos medios públicos durante as campañas electorais.O CPXG ten atribuída por lei a representación de tódolos xornalistas galegos e a defensa do dereito á información dos cidadáns. Desde esa dobre obriga, consideramos que establecer criterios de propaganda electoral no tratamento das noticias atenta contra os principios básicos do xornalismo e da información.

A Xunta Electoral determina actualmente a orde de aparición e a duración das informacións referidas a cada un dos partidos que concorren ás eleccións en función da súa representación

A información non pode estar sometida ós criterios de emisión de propaganda electoral que determine a Xunta Electoral. Iso impide que o xornalista poida exercer o seu papel de mediador, de responsable da información. Nas sociedades democráticas quen debe velar polo carácter democrático e plural da información teñen que ser organismos independentes de defensa do dereito á información, como son os Consellos Superiores do Audiovisual, nacidos do consenso parlamentario e formados por persoas de recoñecido prestixio e con garantías de independencia partidaria.

Segue sendo de urxente necesidade que as televisións e as radios públicas estean amparadas por un novo marco legal que garanta a súa independencia, lles permita cumprir a súa función de servizo público e os poña a salvo das constantes tentacións de instrumentalización política partidaria.

O CPXG vén de asumir conxuntamente, co Col.legi de Periodistes de Catalunya e a Asociación da Prensa de Madrid, o compromiso de reivindicar e defender os principios básicos do xornalismo nos medios públicos diante das instancias que estimemos necesarias.

Xunta de Goberno do CPXG

Documentación