O humorista Siro recibe a homenaxe do xornalismo galego

Dossieres

Diversos persoeiros do mundo do xornalismo e do humorismo gráfico ofrecéronlle a Siro un cálido recoñecemento pola súa labor profesional nos medios de comunicación ó longo da súa vida, nun acto organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC foi esta mañá o lugar no que o mundo do xornalismo lle ofreceu a Siro López a súa merecida homenaxe pola aportación que fixo ó enriquecemento dos medios de comunicación.

O Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Vega, foi o encargado de abrir o acto sinalando o orgullo que para el supoñía poder recoñecer o traballo de Siro, un home que "en dúas liñas pode retratar a alma, que é o retrato máis fiel das persoas".

Xosé Manuel Vega tamén quixo destacar na figura de Siro o seu "profundo compromiso polas cousas ben feitas e cunha visión da realidade dos galegos, das súas carencias e dos soños do país".

A continuación, Xosé Luis Vilela, director de La Voz de Galicia e compañeiro de Siro durante moitos anos, descubriulles ós presentes as cinco facetas de Siro que el coñece.

Así, falou do "Siro humorista", ó que os xornalistas recorrían cando había problemas para ilustrar unha noticia; o "Siro xornalista", que foi capaz de ir máis aló da viñeta e facer un verdadeiro editorial de opinión; o "Siro galeguista", militante e admirador da figura de Castelao; o "Siro artista", que unha vez xubilado irá aflorando cada vez máis.

E por último, falou dun "Siro humano", próximo, cercano e que soubo convivir perfectamente na redacción de La Voz de Galicia, aínda nos momentos de maior tensión.

O acto seguiu coa intervención de Xosé Luis Barreiro Rivas, colaborador de La Voz de Galicia, que destacou de Siro a súa función como editorialista gráfico, "absolutamente profético" que era quen de previr os acontecementos a través das súas viñetas.

A actuación de Xurxo, fillo de María Manuela, tocando ó violonchelo unha peza do compositor Xosé Castro, deulle paso á intervención de Xulia Díaz, xornalista de COPE Ferrol.

Xulia Díaz fixo unha retrospectiva de Siro na que salientou "o humor galego, xenuino e propio que bebe da tradición e que en cada trazo transmite a linguaxe do sentimento".

Pola súa banda, o Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Miguel Túñez amosou a súa satisfacción pola celebración deste acto de homenaxe na sede da súa facultade, xa que evidencia a importancia de "levar o sorriso do humor gráfico ó xornal".

A seguir, o humorismo gráfico tamén lle deu a súa homenaxe a Siro, exemplificado nas palabras de David Pintor e Carlos López, ou o que é o mesmo, Pinto&Chinto.

Carlos López sinalou que coñecer a Siro marcou na súa faceta profesional un antes e un despois e animou a crear unha Facultade da Xenerosidade, "da que Siro sería o primeiro Honoris Causa".

Pola súa banda, David Pintor agradeceu que os xornalistas (representados polo CPXG e a Facultade de Ciencias da Comunicación) homenaxearan a Siro, recoñecendo así ó humor gráfico como parte integrante do xornalismo.

No acto, Siro recibiu de parte do CPXG unha placa conmemorativa da homenaxe, mentres que Pinto&Chinto quixeron amosar a súa gratitude entregándolle unha caricatura feita por eles.

Pecharon o acto os integrantes de "Corre Carmela que Chove", programa de Radio Voz do que Siro foi director e guionista, que tamén quixeron estar presentes e co seu particular humor rendéronlle homenaxe ó seu creador.

Moi emocionado, Siro quixo agradecer a todos os presentes este recoñecemento e amosouse moi contento porque segundo el, semella que "quen fai rir, faise querer".

CPXG

Documentación