Oposicións na CRTVG

Dossieres

RTVG levará a cabo, por primeira vez nos últimos 19 anos, un proceso selectivo de contratación de persoal fixo. Non se trata dunhas oposicións abertas, senón dunha consolidación de emprego.

Así, a experiencia profesional desenvolvida ao longo dos anos no propio ente público será determinante á hora de optar ás 193 prazas que se ofertan en 28 categorías diferentes.

En total, 2.226 aspirantes foron incluídos nas listaxes definitivas. O proceso iniciarase o vindeiro martes día 6 coas probas de galego oral e locución, que se celebrarán na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. Os aspirantes deberán ler un texto, dunha extensión máxima de 190 palabras. Elixirano por sorteo en presenza do tribunal que os cualificará, que terá en conta criterios como a articulación, a vocalización, o ritmo e a flexibilidade, que se alternarán con outros estritamente lingüísticos, como a pronuncia de vogais e grupos consonánticos. O valor total desta proba será de 15 puntos dos 120 totais da oposición e será eliminatoria para os que estean por baixo do 40 %.

Esta primeira fase do proceso está previsto que termine o próximo 13 de outubro e afecta ás categorías de redactor, locutor e asesor lingüista, ás que se presentaron un maior número de candidatos.

Sen data

A proba teórica aínda non ten data fixada, pero todo apunta a que este exame non se celebrará ata o mes de decembro. Aquí, aqueles que superen a primeira criba terán que responder a un exame tipo test baseado en 360 preguntas sobre actualidade e temas lingüísticos que foron facilitadas aos opositores.

LA VOZ DE GALICIA

Documentación