Os medios e a realidade

Dossieres

O seu medio reflicte a realidade galega fielmente?" é unha das preguntas do Estudo sobre a situación dos e das xornalistas en Galicia, realizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O 37,5% dos enquisados di que "ás veces" e a resposta do 24,6% é "ocasionalmente".

A percepción dos xornalistas non parece moi diferente á da rúa. Un coñecido comentaba que o que máis lle gusta do verán é non ler a prensa. Exiliado voluntario nas páxinas de Sociedade e cultura, di que foxe da área de política coma do diaño.

Os partidos converteron as páxinas dos medios, co seu claro beneplácito, en tirapuxas estériles. O "difama que algo sempre queda" estase a consolidar como a máxima arma mediática das diferentes siglas.

Non hai debate construtivo, nin proposicións; tampouco se piden responsabilidades a quen acusa sen probas, a quen mente. Para rematala, pretenden instaurar as comparecencias sen preguntas dos periodistas.

Nesa política comunicativa do "todo vale" moitos cidadáns ficarán despois de agosto refuxiados nas páxinas de Sociedade. Para fuxir da crispación e, polo menos, poder quitar nas conversas algunha boa curiosidade: Sabía vostede que a operación de cirurxía facial de Valencia foi a primeira no mundo en incluír transplante de cara, lingua e mandíbula?

ROSA ANEIROS

Documentación