Peche definitivo da RTVV

Dossieres

Tras máis de 12 horas resistindo e emitindo desde a sede do ente, hoxe ás 12:20 a policía desaloxou os traballadores da RTVV e executou o mandado da Generalitat de pechar a canle. Canal 9 foi a negro.

Con esta medida, ponse o peche definitivo ao proceso iniciado o pasado mertes 5, coa anulación do ERE da Radiotelevisión Valenciana e o posterior anuncio da Generalitat da decisión de pechar a canle. Un proceso que convulsionou durante todo o mes de novembro o panorama mediático.

A noticia tivo, en primeiro lugar, repercusión na propia cadea. A directora, Rosa Vidal e os catro vocais do Consello de Administración nomeados polo PP dimitiron ao coñecerse a decisión, o que deixou a canle en mans dos traballadores, que comezaron unha programación crítica, coa que están a ter maiores índices de audiencia que as últimas medias da RTVV. O goberno valenciano xa aprobou un decreto-lei para recuperar o control de Nou sen ter que pasar polo parlamento, algo que foi moi críticado polos grupos da oposición.

Asemade, numerosas organizacións, asociacións, sindicatos e grupos relacionados coa comunicación e o xornalismo lamentaron e rexeitaron o peche da RTVV, emitindo comunicados nos que se destaca a importancia desta televisión pública, de proximidade e en valenciano.

Por último, o anuncio do peche da RTVV deixa tamén incertidumes sobre o que poida pasar con outras televisións autonómicas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, xa se apresurou a rexeitar esta medida para a TVG, posto que as contas están "saneadas", e o mesmo fixeron outros responsábeis de entes autonómicos. Mais os ollos están postos sobre Telemadrid, cun ERE tamén recorrido que se resolverá en oito meses. Ignacio González, presidente da Comunidade de Madrid, ten reiterado que pechará a canle se o ERE é anulado.

Documentación