Proposta do CPXG para un novo modelo de Medios Públicos Galegos

Dossieres

Proposta do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para un novo modelo de Medios Públicos Galegos

1. Os medios públicos de Radio e Televisión garantirán a función de servizo público, de acordo cos principios legais nos que seguen sostendo a súa necesidade e tamén a súa presencia no espazo xeopolítico de Galiza, aténdose polo que respecta á súa programación a criterios rigurosos de calidade e coparticipación social.

2. Ese servizo público substantívase, de maneira prioritaria, no seguinte:

. garantir o dereito dos cidadáns a dar e recibir información veraz, completa e plural sobre todo o que teña interese xeral e relevancia pública, contribuíndo así á creación e afortalamento dunha sólida opinión pública que faga posíbel a democracia participativa.

. garantir a presencia e participación na súa programación xeral e na súa oferta informativa en particular de todos os actores que responden á pluralidade de opcións ideolóxicas e sociais que constitúen a masa crítica do país, facendo á súa vez visíbeis a todos aqueles sectores da sociedade que, na súa condición de activos cívicos, non poderán ser discriminados nin instrumentalizados comercialmente.

. garantir con imparcialidade a prestación de servizos profesionais nos procesos electorais, facilitando así en condicións de igualdade e proporcionalidade a participación política: a dos diferentes grupos políticos presentando e defendendo os seus respectivos programas, e a dos cidadáns en xeral á hora de formar unha opinión e decidir o sentido e utilidade do seu voto, para o que son imprescindíbeis debates non teatralizados nin dirixidos tanto na radio como na TV.

. garantir a realización de programas para a infancia e a xuventude, para o colectivo da terceira idade e outros colectivos emerxentes, minorías culturais e religiosas.

. garantir a cobertura de espazos para o ocio e o deporte, atendendo especialmente a aqueles acontecementos que teñan interés xeral e sexan respetuosos coa dignidade das persoas, fuxindo de presupostos mercantilistas

3. Para poder cumprir con esas funcións de servizo público esencial, é preciso interpoñer un mecanismo de control social na xestión e na programación dos medios de comunicación de titularidade pública.

4. Crearase por lei o Consello Superior do Audiovisual de Galicia, que será o órgano encargado de regular a actividade do sector audiovisual galego, e de propoñer estratexias para o seu desenvolvemento.

5. Os membros do Consello de Administración serán elixidos polo Parlamento por maioría de dous tercios, e serán persoas de recoñecido prestixio nos distintos ámbitos ou sectores sociais de Galicia, e independentes respecto dos grupos políticos existentes no país.

6. O Director Xeral será elixido por maioría de dous tercios e para un periodo de cinco anos polo Parlamento de Galicia, a proposta do Consello Superior do Audiovisual.

7. O financiamento dos medios públicos estará garantido nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e estará suxeito ao cumprimento dun contrato programa. Os medios públicos poderán complementar o seu financiamento público coa emisión de publicidade e coa venda de programas de produción propia.

8. Por todo o dito, é preciso contar cunha cuota de mercado para os medios de comunicación públicos, tanto polo que respecta á publicidade como polo que respecta ao mercado do audiovisual propiamente dito, rexeitando que por mor das esixencias de servizo público e calidade se entenda erroneamente que acaben tendo a consideración de medios marxinais ou alternativos (non hai medios alternativos, o alternativo estará ligado exclusivamente aos contidos).

9. Enténdese que a CRTVG ten a obriga de ser o motor da sociedade dixital da Galicia do século XXI, aproveitando ese gran potencial tecnolóxico para universalizar todo o que lle dá ao país unha singularidade no mundo globalizado (cultura e lingua propias, territorio e historia, formas de pensar e de crear…). Como ten a obriga, en consecuencia, e mesmo en base a se convertir na principal incentivadora das industrias culturais xa existentes e das que veñan agora, de ser tamén o motor da produción audiovisual galega.

10. A participación da Televisión de Galicia no sector audiovisual galego deberá priorizar a busca de talento creativo, facendo que o sector se mova baixo parámetros de calidade e singularidade, para así provocar o interés e a rendabilidade, tanto sociocultural como económica ou de mercado, no mundo. Iso comporta manter unha comunicación permanente, e no seu caso unha liña de coparticipación, con sistemas audiovisuais que responden a outras culturas e modelos.

11. A CRTVG utilizará a lingua galega en todas as súas emisións e en todas as súas producións, asumindo como un compromiso inexcusábel a súa contribución esencial á consolidación do galego como lingua de prestixio. Canda a profesionalidade, será prioritario demostrar o coñecemento do galego para cantos profesionais opten a ocupar postos laborais nos medios da CRTVG, pois que deberán utilizalo en todas as comunicacións que realicen para o exercicio das súas funcións.

CPXG