Publícase a convocatoria do concurso de 84 novas licenzas de radio

Dossieres

A Xunta de Galicia publicou o pasado día 7 a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de concurso para outorgar 84 novas licencias de radio en FM.

Entre as obrigas que estipulan a base deste concurso atópase a de que "o 50% como mínimo do tempo de programación sexa en lingua galega".

Así, "o uso do galego débese distribuír equitativamente en todas as franxas horaria". Non obstante, quedan excluídas desta obriga "as emisoras que teñan previsto formar parte das cadeas de ámbito estatal", sobre as que o cómputo da metade da programación en galego se aplicará no tempo de desconexión.

Con esta publicación no Diario Oficial de Galicia, ábrese o prazo para que os candidatos presenten as súas solicitudes para concorrer ao concurso que outorgará 84 frecuencias en 40 concellos de Galicia. Este prazo rematará nun mes, cando a mesa de avaliación presidida polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, comezará a estudar os proxectos presentados para conceder estas licenzas radiofónicas, que terán unha vixencia de 15 anos prorrogables.

A valoración de cada unha das propostas presentadas realizarase a través da avaliación dos proxectos de programación, económico e tecnolóxico que se faga en cada unha delas. Así, ademais dos contidos e a programación –que deberá ter unha duración mínima de 12 horas diarias–, terase en consideración "o emprego do galego, a defensa da cultura, os valores e intereses de Galicia e a programación de interese para a zona de servizo".

Por outra banda, o proxecto económico, ademais da demostración de viabilidade, terá que incluír o compromiso de non transmitir a licenza por un prazo superior ao establecido pola nova lei de Comunicación Audiovisual, isto é, non facelo antes de cinco anos.

Por último, o concurso terá en conta que a emisora teña un plan de innovación tecnolóxica que permita as melloras técnicas que neste eido se vaian producindo.

N.R.M.

Documentación