Recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e discapacidades

Recursos

Análise das ligazóns que existen entre os/as xornalistas, a cidadanía e a comunidade universitaria dentro do Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social que organiza o Observatorio dos Medios.

O Foro sobre Comunicación e Discapacidades encádrase dentro do Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social que organiza o Observatorio dos Medios, coa intención de actuar profundizando na análise das ligazóns que existen entre os/as xornalistas, a cidadanía e a comunidade universitaria.

  • É fundamental que as persoas con discapacidade teñan unha presenza cada vez maior nos medios, até alcanzaren un protagonismo axeitado co seu peso na sociedade. Esta presenza ten que chegar a todas as publicacións e seccións, e non só a aquelas especializadas.
  • A información relacionada coa discapacidade debe fuxir de simplificacións e estereotipos, tanto fatalistas como exaxeradamente optimistas. As persoas con diversidade funcional deben ser mostradas en situacións cotiás, admitindo as súas dificultades e éxitos e mesmo a curiosidade e incomodidade ocasional que as persoas sen discapacidade experimentan ao interactuaren con elas.
  • É necesaria unha relación fluída entre os medios e os colectivos de persoas con discapacidade. Tamén é importante o protagonismo individual, xa que a este nivel existe aínda maior dificuldade para chegaren aos medios.
  • A terminoloxía sobre discapacidade ten que ser axeitada, para unha boa recepción da mensaxe. Para referirse ao colectivo, cómpre usar termos como "persoas con discapacidade" ou "persoas con diversidade funcional", xa que a discapacidade non é parte da esencia dunha persoa senón unha circunstancia en casos concretos.
  • Os medios dixitais teñen que facer un esforzo por adaptárense ás pautas de accesibilidade recomendadas polo W3C, de xeito que poidan ser consultados por persoas con discapacidade.
  • A exclusión da información é unha consecuencia da exclusión social. Por iso, os medios deben incorporar tamén, de maneira natural, persoas con discapacidade nos seus cadros de persoal.