Recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e xuventude

Recursos

Análise das ligazóns que existen entre os/as xornalistas, a cidadanía e a comunidade universitaria dentro do Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social que organiza o Observatorio dos Medios.

O Foro sobre Comunicación e Xuventude encádrase dentro do Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social que organiza o Observatorio dos Medios, coa intención de actuar profundizando na análise das ligazóns que existen entre os/as xornalistas, a cidadanía e a comunidade universitaria.

  • A superficialidade das noticias referentes á mocidade provoca a creación de patróns sistemáticos e uniformizadores que suprimen a cromatización característica desta heteroxénea faixa de idade. Por iso, faise necesaria unha construción informativa que considere e aprofunde na va-riedade desde unha representación máis analítica.
  • A realidade empresarial do mundo da 'gran comunicación' de masas exclúe á xuventude como albo comercial preferente, obviando ou relegando a perspectiva, temáticas e acontecementos a ela ligados a unha posición marxinal. Alén da necesidade de abordar os puntos de vista da mocidade nos grandes medios, a comunicación local e alternativa poden ser marcos apropiados para iniciar unha reformulación do tratamento e implicación da xente nova.
  • Por diversos motivos, os medios perderon a capacidade de incluír con normalidade aqueles discursos alleos ao sistema económico e sociopolítico no que están inseridos. Así, a mocidade e os seus presupostos de pensamento deben ser postos en valor no proceso de construción da vida política, social, profesional e cultural sen caer na crecente ridiculización e vulgarización coa que son caracterizados.
  • Os medios son elementos chave para a construción da personalidade, capacidades críticas e conciencia cidadá, polo que a súa responsabilidade en relación aos lectores máis novos é patente. Por tanto, deben dotar e adaptar os seus discursos atendendo ao compromiso que deles se agarda.
  • Para aproximarnos á consecución dos puntos anteriores, a visibilización digna e proporcional de mozos e mozas é clave para contrarrestar os preconceptos existentes e promover un máis que necesario diálogo interxeracional que posibilite a comprensión e diálogo social.