Tentativa de limitar a captación de imaxes da policía
O pasado xoves, o director xeral da Policía, Ignacio Cosidó, anunciaba un proxecto para limitar "a captación, reprodución ou tratamento de imaxes, sons ou datos de membros das forzas de seguridade no exercicio das súas funcións".
A proposta, que implicaría a modificación da Lei de Seguridade Cidadá, limitaria estas imaxes "cando poidan pór en perigo a súa vida ou en risco a operación que están desenvolvendo".
Ainda que fontes do Ministerio do Interior afirmaron que en ningún caso se pretendía coartar a liberdade de expresión dos medios de comunicación nin impedir o traballo dos camarógrafos na vía pública, o anuncio foi inmediatamente seguido dun alude de críticas por parte tanto das organizacións de xornalistas como das de xuristas.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia foi un dos primeiros en denunciar esta proposta, a través dun comunicado da Xunta de Goberno no que se advertía que calquera medida neste sentido vulneraría o artigo 20 da Constitución Española, que só recoñece límites á liberdade de expresión e información na salvagarda do dereito á honra.
As protestas fixeron recuar a actitude de Interior e, se ben nun primeiro momento algunhas fontes apoiaran as palabras de Ignacio Cosidó, o seu anuncio foi matizado e posteriormente desautorizado polo ministerio. Contodo, fontes do Executivo como a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría insistiron nunha suposta necesidade de "garantir a seguridade e os dereitos fundamentais dos policías" e non descartaron unha reforma da Lei de Seguridade Cidadá, aínda que "a longo prazo"