Xoán A. Soler gaña a primeira edición do premio "A Imaxe de Galicia"

Dossieres

O reporteiro gráfico Xoán Arias Soler é o gañador da primeira edición do certame A Imaxe de Galicia, unha iniciativa da Fundación Caixa Galicia e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que premia a mellor imaxe informativa sobre a actualidade galega publicada nos medios de comunicación durante o pasado ano 2009.

O traballo gañador é unha fotografía presentada ao concurso baixo o título "Infante", que mostra a saída dos soldados da Brilat para o Líbano dende o aeródromo militar de Lavacolla, en Santiago, en abril de 2009.

A directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, e o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, resaltaron na lectura do fallo "a habilidade do fotógrafo para enfrontar a tensión dun grupo de militares reunidos antes da súa partida mentres unha nena xoga ao seu carón, converténdose no centro da fotografía", que foi publicada polo xornal galego La Voz de Galicia.

Ademais das súas calidades técnicas e formais, os membros do xurado, do que formaron tamén parte os fotoxornalistas Emilio Morenatti, Javier Bauluz e o galego Miguel Riopa, destacaron que Soler "consegue contrapoñer a inocencia fronte á preocupación, o xogo fronte á intervención militar e o problema familiar da separación durante meses das familias dos enviados a unha zona potencialmente perigosa no estranxeiro".

Xoan Arias Soler ten unha longa traxectoria como fotoxornalista no día a día. Conta con varios premios, entre eles o Galicia de Comunicación do ano 2000, e participou en distintas exposicións colectivas como Un ano de Voz, cos seus compañeiros de delegación, ou Marea Negra, sobre o desastre do petroleiro Prestige.

Nunha sesión de mañá e tarde, que se prolongou ata case as nove da noite, o xurado seleccionou, en primeiro termo, 50 fotografías, que serán as que formen parte da exposición "A Imaxe de Galicia" que poderá contemplarse ó longo deste ano en distintas sedes da Fundación Caixa Galicia.

A continuación, o xurado debateu sobre a fotografía gañadora do certame, dotado cun premio único de nove mil euros, e logo do proceso de deliberación acordouse facer unha Mención Especial do Xurado, unha serie de Xosé Abad que amosa dúas xeracións, nai e filla, na súa vida laboral e vital. O xurado quixo destacar a calidade dos 114 traballos presentados ó certame, así como felicitar ós fotógrafos que se presentaron ó premio.

CPXG

Documentación