Biografía

Licenciado en Ciencias da Información, rama de Xornalismo, pola Universidade Complutense de Madrid. Inscrito na International Federation of Journalists. Comezou a súa carreira profesional en El Progreso e despois colaborou con outros medios (Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Diario de Ferrol, Xornal de Galicia, Nós Diario e a edición galega de El País). Tertuliano habitual en radio e TV, fundou A Voz de Vilalba, portal especializado en cultura galega. Xunto ao escritor Ramón Chao, impulsou a asociación 'Amigos de Prisciliano', que preside na actualidade. En 2011 recibiu o premio de xornalismo Johán Carballeira, e en 2013 resultou finalista do premio de xornalismo cultural, promovido polo CPXG e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Pertence á xunta directiva da Asociación PuntoGal Dominio Galego e ao foro de pensamento Galicia Debate. Foi xefe de prensa da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia e agora traballa no sector da consultoría e servizos tecnolóxicos, como director de comunicación externa e redes sociais en IDOM Consulting. Ademais, escribe na revista bilbaína La Ría del Ocio e nos dixitais GaliciaXa e Mundiario. Autor do libro 'Pílulas de vendimario' (Lugo, Biblioteca Chairega, 2023), ten varios proxectos editoriais en marcha, entre os que destacan as escolmas de crónicas 'O mundo do Chavito', 'De foliada en Reigada', o documental 'O camiño de Prisciliano' e a novela 'Las voluntades ajenas'.