Biografía

Iolanda Casal (A Coruña, 1977) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Igualdade e Xénero no Ámbito Público e Privado pola Universitat Jaume I. Comezou a súa andaina na prensa como redactora en El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, e deseguido incorporouse a El Correo Gallego, onde exerceu sobre todo como xornalista especializada en ciencia e educación. Na actualidade é responsable de comunicación da Real Academia Galega.

É autora dos libros Investigadoras galega I (2007) e Investigadoras galegas II (2009). Recibiu o Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación (2007), un accésit do Premio Albarelo do Colexio de Farmacéuticos da Coruña (2014) e o I Premio Comunicar en Igualdade (2015).