Rexistro de Medios Dixitais Galegos

O Rexistro de Medios Dixitais Galegos (NRede) do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, nace para pór en valor aqueles medios que xorden no ámbito dixital, e ao mesmo tempo ofrecer á cidadanía a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo xornalístico.
 
Hoxe en día, son moitos os contidos que se poden atopar na rede, por iso cómpre distinguir entre o que é información e o que non. Neste sentido, o Colexio de Xornalistas, seguindo un dos seus obxectivos, o de garantir o dereito á información da cidadanía, pon en marcha o selo NRede como referente e distinción dos medios de comunicación de orixe dixital e de ámbito galego.                                                         

Introdución

Ante a crecente saída de espazos en internet susceptibles de seren ou non considerados medios de comunicación, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere pór en marcha unha ferramenta que poida valer de referencia á cidadanía para poder distinguir entre o que é un espazo informativo e o que non o é. Igualmente, pretende darlle visibilidade a estes medios de cara a facilitarlles a súa identificación a efectos de acreditacións para determinados eventos ou acceso a subvencións públicas.

 

O CPXG traballará cos medios que formen parte deste rexistro para establecer un grupo de traballo que favoreza a súa posta en valor, así como apoiar o traballo que realizan neles os profesionais da información.

 

Ademais, entre as primeiras medidas, o Colexio de Xornalistas solicitaralle á Xunta de Galicia a inclusión dos medios que sexan recoñecidos co selo de Medio Dixital Galego na Guía da Comunicación que edita a administración autonómica. E, en calquera caso, o CPXG manterá na súa propia páxina web actualizado un rexistro cos medios que formen parte desta rede.

Por que un Rexistro de Medios Dixitais Galegos?

A solicitude de inscrición é voluntaria, pero supón unha referencia de garantía de información para a cidadanía. A aprobación da alta no rexistro vén precedida por un exame exhaustivo da páxina web, que ten que cumprir cos criterios e requisitos que se establecen nos seguintes apartados.

Ámbito e constitución

O ámbito de actuación será a comunidade autónoma de Galicia.

 

O Rexistro de Medios Dixitais Galegos creouse por acordo en reunión ordinaria da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Nesa reunión quedou constituída unha Comisión do Rexistro e un equipo de coordinación do proxecto.

Obxecto e requisitos

O obxecto principal deste rexistro é avaliar os medios de comunicación dixitais e recoñecer o seu valor xornalístico.

 

Ao respecto dos requisitos que se deben cumprir, serán os seguintes:

 

  1. O medio debe estar constituído como empresa xornalística ou entidade legalmente rexistrada en calquera das súas figuras, ou ben o seu/s autor/es ou autora/s estaren dados de alta como autónomos/as.
  2. A empresa, entidade ou titular do medio debe estar ao corrente das súas obrigas con Facenda e Seguridade Social.
  3. No persoal ou na organización debe haber, polo menos, unha persoa licenciada ou graduada en Xornalismo ou ben colexiada no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Esta persoa debe realizar labores de redacción, selección e xerarquización dos contidos de forma profesional. Estas tarefas terán que ser desenvoltas por profesionais por conta allea ou propia. Non se terá en conta para tal fin, as persoas que estean no medio a través de calquera tipo de bolsa.
  4. Os medios inscritos no Rexistro de Medios Dixitais Galegos deben ser medios que se desenvolvan principalmente na contorna dixital e cubran información de interese xeral sobre a comunidade autónoma, algún dos seus municipios ou territorios, ou ben información especializada sobre algún dos seus aspectos mediante a produción propia de contidos. Esa produción propia será a que determine a cobertura ou ámbito de especialización do medio: local, provincial, rexional, deportivo... A produción de contidos será propia e non só baleirado de notas.
  5. O medio debe ser actualizado de forma periódica (diaria, semanal, quincenal, mensual...) en forma e modo similar ao dos medios de comunicación convencionais.
  6. Para obter o selo do CPXG e a súa inclusión no Rexistro de Medios Dixitais Galegos o medio deberá ter, polo menos, 6 (seis) meses de traxectoria demostrable. En caso de anuarios, esta experiencia amplíase a 3 (tres) anos.
  7. Como medio xornalístico dixital, o medio deberá respectar as normas éticas deontolóxicas que rexen a profesión xornalística. Queda excluído calquera medio que teña publicidade sexista, fins puramente comerciais ou que sexa un agregador de noticias. O contido publicitario nos medios que formen parte de NRede non poderá ser nunca superior ao 50% e deberá estar claramente identificado.De non cumprir estas premisas, o Colexio de Xornalistas poderá actuar de acordo co seu Código Deontolóxico.
  8. O idioma do medio pode ser o galego, español ou ambos.

Solicitude

O medio de comunicación dixital interesado deberá remitir a súa solicitude de selo a través do formulario dispoñible nesta mesma páxina web, cubrindo todos os campos necesarios. Ademais deberán quedar acreditados os requisitos establecidos anteriormente polo que se precisará:

 

  1. Documento de constitución da sociedade, entidade ou alta do/a traballador/a autónomo/a para xustificar que a actividade xornalística.
  2. Data de alta do hosting do medio.
  3. Xustificante do contrato laboral da persoa que realiza e coordina as labores informativas para xustificar que é titulada ou membro do Colexio.
  4. Composición do cadro de persoal do medio coas labores que realizan cada un deles e a súa titulación.
  5. DNI da persoa solicitante.
  6. Xustificante de pagamento das taxas do rexistro ou xustificante da colexiación (segundo se aplique).
  7. Documento SEPA para domiciliación de taxas (se se aplica).

 

Para calquera dúbida sobre a solicitude de inscrición en NRede, podes contactar co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.

Taxas

Os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que presenten a solicitude para a inclusión dun medio terán un desconto do 100%.

 

O CPXG estableceu, no resto dos casos, unha taxa fixada en 50 € anuais.

Alta

A comisión do Rexistro de Medios Dixitais Galegos estudará caso por caso as solicitudes recibidas e nun prazo máximo de 2 meses mandará a súa resolución á persoa remitente da solicitude. A devandita resolución quedará ratificada en reunión ordinaria da Xunta de Goberno.

 

No caso de resolución positiva, o medio quedará inscrito no Rexistro de Medios Dixitais Galegos no espazo establecido para tal fin dentro da web institucional do CPXG xornalistas.gal, onde aparecerán os seus datos. Igualmente, deberá colocar no lugar que determine dentro da súa portada o selo identificativo co número de rexistro enviado polo CPXG.

 

A comisión poderá pedir documentación complementaria, se así o considera, para tramitar ou denegar unha solicitude, que deberá de achegarse nos quince seguintes días de ter recibido o requirimento. No caso de non recibir resposta, a solicitude será descartada.

 

No caso de resolución negativa, abrirase un prazo de 1 mes para recorrer perante a Xunta de Goberno do Colexio, quen revisará o recurso na súa primeira xuntanza despois de presentado este. A continuación comunicarase á persoa solicitante a devandita conclusión, perante a cal non cabe recurso algún.

 

As altas tramitaranse a través do formulario dispoñible na páxina web do CPXG.

 

Baixa

A baixa do Rexistro de Medios Dixitais Galegos poderase facer en calquera momento. O distintivo terá que ser retirado do espazo web do medio no momento en que a comisión dea notificación da recepción da solicitude.

 

As baixas tramitaranse a través do mail xornalistas@xornalistas.gal, indicando no asunto ‘Baixa Rexistro de Medios Dixitais Galegos’.

 

Vixencia

O rexistro terá unha duración bienal que se renovará tacitamente, salvo que a persoa solicitante o faga saber. A taxa cargarase (de ser o caso) na conta do medio rexistrado facilitada para tal fin.

 

A comisión do Rexistro de Medios poderá revogar o selo no caso de se detectar o incumprimento dalgunhas das condicións referidas neste documento ou no Código Deontóloxico do Xornalismo Galego do CPXG.

 

Datos persoais

Datos do medio

Documentación

Para xustificar a actividade xornalística.
Para xustificar a actividade xornalística.
No caso de non ser colexiada/o.
Segundo se aplique (Taxa de 50 € a abonar en: ES65 2080 0388 25 3040000180. Membros do Colexio de Xornalistas bonificado ao 100%)

Descarga e completa a autorización SEPA, se aplica.

Responsable tratamento: COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA.

Finalidade: levar a cabo a correspondente tramitación de alta como colexiada ou colexiado, e xestionar a relación co colexiado/a, contacto e facturación.

Lexitimación: consentemento expreso

Cesións: non serán cedidos a terceiros/as salvo obriga legal.

Dereitos: acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos teus datos segun explícase na información adicional.

Información adicional: Pode consultala na nosa política de privacidade.

A Coruña

Campo Galego

Número de rexistro: CG08824

Data de alta
16-10-2024
Web
https://www.campogalego.gal/
Ámbito
Autonómico
Sede fiscal
Rúa República Checa, s/n. Centro de Negocios Cadoiro. 15707 Santiago de Compostela

Ferrol 360

Número de rexistro: FE86823

Data de alta
09-11-2023
Web
https://www.ferrol360.es/
Ámbito
Local
Sede fiscal
Rúa Almendra, 8-10, 4º Esquerda; CP: 15402 Ferrol (A Coruña)

Praza.gal

Número de rexistro: PZ34623

Data de alta
21-03-2023
Web
https://praza.gal
Ámbito
Autonómico
Sede fiscal
Avenida Primo de Rivera 1, 5º Esquerda - 15006 (A Coruña)

Lugo

Ourense

Pontevedra