Discurso de toma de posesión do Decano en 2004

No nome da nova  Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quero transmitir un saúdo cordial a tódolos xornalistas galegos. Este saúdo fágoo extensivo ós responsables de tódolos medios de comunicación, ós representantes de tódalas organizacións sociais, institucións e a tódolos cidadáns de Galicia.

Como Colexio Profesional, o noso obxectivo é mediar e activar estratexias para que  a información  estea  ó servizo da sociedade. A sociedade non pode ser só consumidora da información; ten o dereito e o deber de ser actor do proceso informativo. O dereito á información é un dereito irrenunciable da cidadanía. Democraticamente debe esixilo e exerce-la presión social necesaria para conquistalo e evitar que llo arrebaten.
Nós imos buscar alianzas con tódolos actores sociais e políticos dispostos a actuar como motor para conseguir que en Galicia a información estea o servicio da sociedade. 

Para cumprir coa función democrática que ten encomendada, o xornalista debe actuar conforme a unhas normas deontolóxicas claras e debe estar amparado ademais por un Estatuto Profesional que o protexa contra abusos que pervirten a súa función. A aprobación dese estatuto e conseguir que Galicia teña uns medios de comunicación públicos ó servicio da cidadanía van ser dous obxectivos principais polos que imos traballar desde o primeiro momento.

Estamos seguros de que na busca dunha información veraz e de calidade, que convirta nun valor a discrepancia razoada, imos contar coa colaboración de tódolos cidadáns, medios de comunicación, organismos e institucións de Galicia.

Saúdos

Xosé Manuel Vega Gómez, Decano do CPXG | Santiago de Compostela, 8 de maio de 2004