O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) vén de formalizar a súa adhesión á organización internacional Reporteiros Sen Fronteiras (RSF), dentro da súa liña de establecer vínculos coas organizacións máis representativas na defensa dos dereitos dos xornalistas. Nun momento no que máis dun tercio da poboación mundial vive en países onde non existe ningunha liberdade de prensa, RSF actúa a diario para que a información recupere os seus dereitos. Actualmente, 133 xornalistas están na cadea en todo o mundo, simplemente por cumprir coa súa obriga. En Nepal, en Eritrea ou en China, un xornalista pode pasar varios anos no cárcere, por unha palabra ou por unha foto. Porque matar un xornalista significa eliminar unha testemuña esencial e amenazar o dereito de todos á información, Reporteiros Sen Fronteiras realiza o seu combate desde hai máis de 17 anos. Dende hoxe, o CPXG súmase a esta teima.