O Colexio de Xornalistas de Galicia esixe ó Goberno unha explicación sobre a morte de José Couso
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera imprescindible que o Goberno español insista en reclamar das autoridades estadounidenses unha investigación sobre as circunstancias da morte do compañeiro galego José Couso Permuy, operador de cámara de Tele 5, tiroteado por un tanque do Exército de EE UU cando tomaba imaxes desde unha habitación do hotel Palestina de Bagdad. Este Colexio entende que o Executivo de José María Aznar ten a obriga política e moral de facer todo o posible para que se clarexe a morte dun cidadán español, desarmado e indefenso, en circunstancias o suficientemente confusas como para requerir unha explicación a fondo. Por iso facemos tamén un chamamento ás institucións galegas para que se pronuncien neste sentido e utilicen a súa influencia ante o Goberno Español a fin de impedir que a verdade do ocorrido se agoche baixo o manto dos segredos de guerra.