Begoña Caamaño: Poñer a voz
Do ao
Horario: Sábado 25 de abril a partir das 12:00 horas
Lugar: Casa das Máquinas. Rúa de Galeras, s/n. 15705 Santiago de Compostela
Este ano, o Día das Letras Galegas dedícase á xornalista e colexiada Begoña Caamaño, unha homenaxe que pon en valor tamén o seu labor como profesional da comunicación. O Colexio de Xornalistas, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, reivindica a súa figura como xornalista cun podcast de cinco episodios, dirixido por Lucía Junquera, e un encontro periodístico que se desenvolverá o vindeiro sábado 25 de abril na Casa das Máquinas de Santiago.
A Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas deste 2026 á xornalista e colexiada Begoña Caamaño. Na súa escolla destacouse, ademais do seu labor como narradora, o seu traballo como xornalista "nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego".
Nada no barrio do Calvario en Vigo en 1964, Begoña Caamaño comezou a exercer como xornalista nos servizos informativos de Radio Noroeste e traballou tamén en Radio Popular de Vigo, antes de se incorporar en 1989 á Radio Galega. Na emisora pública formou parte dos servizos informativos ata a súa incorporación ao Diario Cultural, e tamén presentou e dirixiu os programas Andando a terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite. Alén do radiofónico, traballou para a Axencia Galega de Noticias e asinou colaboracións en El Sol, A Nosa Terra, Tempos novos e Novas da Galiza. Foi ademais colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, presidenta do Comité Interempresas da CRTVG e unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación.
O podcast Poñer a voz é un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a vida de Begoña Caamaño. Desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde prende a paixón por contar historias, ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos. Como nexo: o xornalismo. A radio como medio fundamental, pero tamén os artigos que escribiu na prensa e revistas especializadas. Unha lingua e unha linguaxe propia, diferente á literaria, pero que tamén conforma as nosas Letras Galegas.
Poñer a voz pode escoitarse a través de Ivoox, Spotify e Apple Podcast, e tamén neste mesmo espazo. Ademais da voz conservada pola radio da propia Begoña Caamaño, e da dirección e condución de Lucía Junquera, o podcast vai contar coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.
Ademais, o sábado 25 de abril ás 12:00 horas, vai realizarse na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela (Rúa de Galeras, s/n) un encontro periodístico ao redor da figura de Caamaño, no que participarán periodistas de varias xeracións. Baixo a forma dun programa de radio ao vivo, a xornada será un convite á profesión para celebrar a Begoña Caamaño e reflexionar sobre o pasado, presente e futuro do xornalismo. Entre outras profesionais, participarán a propia Lucía Junquera, Ana Romaní, Sonia Díaz, Pablo Lago e Marga Tojo.
Estas actividades están realizadas coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Este proxecto está realizado coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia:
