Programa formativo online para xornalistas

Do ao

Os e as xornalistas galegas levan moito tempo sufrindo unha crise de precariedade laboral, á que recentemente se sumou o impacto no mercado laboral da pandemia da COVID-19. Cun traballo xornalístico cada vez máis esixente e marcado pola innovación e a especialización, moitos profesionais da información vense obrigados a buscar saídas profesionais que antes non contemplaban. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co apoio da Deputación da Coruña, quere dar resposta a esa busca de solucións laborais e dar opcións ás e aos xornalistas que se atopan en busca de emprego ou na procura dunha mellora laboral coa posta en marcha dun programa formativo online adaptado aos novos tempos e ás demandas da sociedade.

Inscrición e acceso

O acceso aos cursos é libre e gratuíto e realizarase a través da plataforma de formación do Colexio de Xornalistas. As colexiadas ou colexiados poden acceder introducindo o seu nome de usuario e contrasinal para acceder á intranet. Se aínda non o tes, ou esquecíchelo, podes solicitalo no teléfono 981 935 670  ou en xornalistas@xornalistas.gal. O resto de persoas interesadas poderán inscribirse de balde e solicitar o acceso aos webinars mandando un correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal

 

Programa

A formación componse de cinco módulos independentes, complementarios entre si. As persoas interesadas poden realizar todo o programa ou só aquela parte que considere adecuada á súa situación profesional e laboral. O programa da formación é o seguinte:

 

  • Módulo 1: O autoemprego
    Pablo Santiago Martínez. Xornalista.
    As distintas crises que sufriu o xornalismo nos últimos anos, con peches e reducións de cadros de persoal, levaron a moitas e moitos profesionais a buscar unha saída laboral na profesión por medio do traballo por conta propia. Mais aínda que ter unha idea de negocio comunicativo poida ser máis ou menos sinxelo, as e os profesionais, afeitos a un ecosistema laboral que até hai pouco estaba marcado polos grandes medios de comunicación, non sempre saben como desenvolver unha situación de autoemprego. Neste módulo explicaranse algunhas nocións básicas para o traballo por conta propia (trámites e dúbidas típicas, estimación de gastos fixos, traballo cos medios, importancia da especialización e da marca persoal...), pero tamén consellos para facer servizo público como xornalista e, ao tempo, ser sostible como empresa ou consellos para atopar clientes alén dos medios.
    Presentado por Ángela Fernandez Casal, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
     
  • Módulo 2: As fontes de datos
    David Lombao Rodríguez. Xornalista.

    O xornalismo de datos leva anos a ser unha tendencia no mundo da comunicación, mais foi se cadra a pandemia da Covid-19 a que o lanzou definitivamente á primeira plana como un dos instrumentos máis importantes para informar da actualidade. Porén, nunha profesión que sempre foi entendida como parte do mundo das letras e das ideas, non sempre resulta sinxelo que os e as xornalistas teñan os coñecementos matemáticos e estatísticos para traballar con datos. Neste webinar, eminentemente práctico, proporcionanse algunhas ferramentas para consultar fontes relevantes e fiábeis de datos abertos e para acceder a aqueles que son públicos pero non están dispoñíbeis coa suficiente transparencia, así como claves para unha mellor interpretación deles e a súa utilización nos medios de comunicación.
    Presentado por Belén Regueira Leal, vicedecana 2ª do CPXG.
     
  • Módulo 3: Ciberseguridade
    Fernando Suárez Lorenzo. Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
    As novas tecnoloxías significaron un grande avance para o exercicio do xornalismo nas últimas décadas, pero a súa introdución trouxo tamén novas ameazas á información e as e os informadores. Coñecer estes perigos e saber como combatelos é unha necesidade cada vez máis apremante para as persoas que se dedican ao xornalismo. Con esta formación, quérese pór ao alcance dos e das profesionais da comunicación todas as ferramentas posíbeis para evitar aqueles ataques dos que poden ser obxecto tanto eles mesmos como o seu traballo ao desenvolverse na rede. Entre outras cuestións, neste webinar abordaranse os requirimentos de seguridade dos distintos sistemas, as principais vulnerabilidades e ameazas, con especial atención ao software daniño, e algunhas cuestións básicas de xestión da seguridade informática.
    Presentado por Valeria Pereiras Reza, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
     
  • Módulo 4: Ferramentas de comunicación
    Beatriz Losada Bobillo. Especialista en márketing en redes sociais.

    Xa vai décadas que as novas tecnoloxías marcan o mundo da comunicación, que cada vez se desenvolve máis nunha contorna dixital. Mais non sempre é sinxelo manterse ao día nun eido que cambia sen parar, polo que as e os xornalistas requiren dunha renovación constante para coñecer aquelas ferramentas que poidan ser máis útiles para desenvolver o seu labor comunicativo. Este webinar pretende servir de recompilación e posta ao dia de todos aqueles materiais que permiten seguir a exercer un xornalismo actualizado no mundo dixital, repasando materiais para a creación e publicación de contidos dixitais, as redes sociais actualmente en voga ou os programas que facilitan a realización de videoconferencias e o traballo a distancia, debuxando tamén algunhas das liñas que marcarán o futuro do xornalismo.
    Presentado por Eliana Martíns Alvela, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
     
  • Módulo 5: A promoción da igualdade de xénero desde o xornalismo
    María Isabel Menéndez Menéndez. Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Burgos.

    Malia a algúns avances, lentos e por veces pouco significativos, continúan a existir claras eivas na presenza das mulleres nos medios de comunicación, xa sexa nas redaccións ou nas informacións. O teito de cristal ou a fenda salarial no que fai ao exercicio do xornalismo, a dificultade de acceso como fontes, o androcentrismo á hora de pensar as audiencias ou a marxinación da poboación feminina como suxeito da información son algúns dos exemplos da falta de perspectiva xeral e transversal de xénero nos medios de comunicación. Esta formación está orientada a ofrecer algunhas claves e ferramentas para avanzar cara a un xornalismo que vexa as mulleres e que traballe para eliminar a desigualdade, atendendo especialmente a certas problemáticas como a representación da violencia contra as mulleres (e dentro desta, da violencia sexual) ou o uso dunha linguaxe non sexista.
    Presentado por Belén Regueira Leal, vicedecana 2ª do CPXG.
     

 

Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña