VII Premio de xornalismo DAQUAS

Do ao

A Asociación Española de Auga Urbana (DAQUAS) convoca a sétima edición do seu Premio de Xornalismo, que baixo o lema “Desafíos na xestión da auga urbana” pretende recoñecer o labor de sensibilización social que realizan os medios de comunicación mediante a difusión de informacións sobre a importancia dos servizos de abastecemento de auga e saneamento.

O galardón recoñece o mellor traballo publicado en prensa, radio, televisión ou internet sobre algún aspecto relacionado coa xestión da auga no ciclo integral da auga urbana. Estabelécese un primeiro premio cunha dotación de 3.000 euros, ademais de dous accésits de 1.500 euros cada un. Así mesmo, seleccionaranse 10 finalistas, dos que sairán os gañadores, que recibirán un certificado de recoñecemento.

Poden participar todos aqueles traballos, individuais ou colectivos, vinculados ao obxectivo da convocatoria e ao ámbito de España, en calquera xénero xornalístico, publicados en xornais ou revistas de calquera periodicidade e temática, de prensa tradicional ou dixital, ou emitidos en radio ou televisión entre o 15 de xaneiro de 2024 e o 15 de xaneiro de 2026. Poderanse presentar un máximo de tres traballos por participante, sempre que non foran premiados noutro certame.

As persoas interesadas poden enviar os seus traballos ao correo electrónico comunicacion@daquas.es, co modelo de solicitude de participación e a declaración de responsabilidade, así como o arquivo do traballo en pdf (no caso de medios escritos)  ou mp3 ou mp4 (para medios audiovisuais). O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 15 de marzo de 2026.

Máis información nas bases do premio