'A Televisión e a Radio galegas fixeron tanto ou máis que outras institucións para consolidar a Autonomía de Galicia, e deberían coidalas'

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro, compareceu esta mañá perante a Comisión do Parlamento de Galicia para a reforma da CRTVG, e sinalou a necesidade e urxencia de desgubernamentalizar os medios públicos para garantir que estean ao servizo da pluralidade da sociedade galega, e cumpran o seu papel de servizo público esencial.
"Para iso é preciso interpoñer un mecanismo de control social na xestión e na programación dos medios de comunicación de titularidade pública", sinalou o decano. Entre as propostas para acadar este obxectivo que fixo Xosé Manuel Pereiro en nome do Colexio está a elección do director xeral da Compañía pola maioría cualificada de dous terzos do Parlamento, e tamén a composición do Consello de Administración entre os candidatos que designe a Cámara por esa mesma maioría, logo de comparecer ante a Comisión de Control do Parlamento que analizará a súa idoneidade. "O Consello de Administración actual é unha comisión parlamentaria por delegación, ten pouco poder, non achega nada, é custoso por retribucións, por aparello e polo que desgasta. A súa profesionalización ten que ir da man do incremento das súas responsabilidades, para o bo e para o malo. Ter unha dedicación plena, e coas responsabilidades propias dun Consello de Administración", apuntou Pereiro.

O decano do CPXG, que recordou que o Colexio levo practicamente desde a súa creación como entidade de dereito público representativa de toda a profesión, xa hai dez anos, diversas iniciativas para a reforma da CRTG, considerou que estas medidas deben complementarse coa creación por lei dun Consello Superior do Audiovisual de Galicia, que debería ser o órgano encargado de regular a actividade do sector audiovisual galego e de velar pola súa pluralidade política, social e cultural e pola neutralidade informativa. En Europa hai 49 Consellos Audiovisuais en 39 países, e os únicos que carecen deste organismo son, ademais de España, son Liechtenstein, Mónaco, San Marino e o Vaticano.

"Aínda que leven a cabo este esforzo de reforma, o importante non será so mudar a literalidade dos métodos de xestión da CRTVG, senón o espírito deses métodos", rematou a súa intervención Pereiro. "A Televisión e a Radio galegas, co seu nacemento e nos seus 25 anos de existencia, os profesionais que as desenvolveron nestes anos con erros a acertos, fixeron tanto ou máis que outras institucións para consolidar a Autonomía de Galicia, foron unha ferramenta moi útil para o reconstrución do arquetipo de Galicia no noso imaxinario colectivo. Unha ferramenta moi útil, pero delicada, e máis nestes tempos. Está nas súas mans non deteriorala e atopar a fórmula para deixar traballar con independencia aos seus profesionais, para sacarlles -e mesmo esixirlles- todo o que de si poden dar, que é moito".

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2010
CPXG