'As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada' recolle unha viaxe polas comunicadoras galegas: "Faltábanos falar de nós mesmas"

  • Foto de grupo das autoras e entrevistadas asistentes ao acto de presentación de 'As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada'
  • De esquerda a dereita, Belén Regueira, Eliana Martíns e Soledad Agra na presentación do proxecto
  • Participantes e asistentes ao acto na biblioteca do Consello da Cultura
  • Outro momento da presentación do proxecto

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou hoxe na sede do Consello da Cultura Galega As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada, premiado nos VI Premios “Luísa Villalta” da Deputación da Coruña. A través dun volume de máis de 200 páxinas e un espazo web con materiais adicionais, este proxecto estabelece un diálogo entre o legado das pioneiras do xornalismo galego e as referentes femininas da nosa profesión na actualidade.

A sede do Consello da Cultura Galega en Santiago acolleu esta mañá a presentación do proxecto As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada, premiado nos VI Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña, consistente nunha publicación e un espazo web que rescatan, visibilizan e valoran o papel das mulleres na comunicación galega. Os distintos materiais investigan e reivindican as biografías das xornalistas pioneiras, e compleméntanas con entrevistas a distintas comunicadoras que marcaron a profesión no pasado máis recente e na actualidade.

O acto de presentación comezou coa intervención da decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, quen afirmou que este é un proxecto "no que se fala fundamentalmente de xornalismo" e destacou a importancia das trece comunicadoras entrevistadas, pertencentes a "unha xeración non abondo coñecida ou recoñecida" e sen as cales "non pode contarse a historia do periodismo en Galicia, e iso pretendemos con esta iniciativa: que xa non se conte sen elas". A continuación, a deputada da área de Igualdade da Deputación da Coruña, promotora dos premios Luísa Villalta, Soledad Agra Tuñas, manifestou o seu pracer "por estar rodeada de xente que para min sempre foron referentes" e deu os parabéns ao Colexio por un libro que "constata o acerto do galardón", así como polo "seu traballo continuado en materia de igualdade, de dereitos civís e de lingua". 

A coordinadora do proxecto e membro da Xunta de Goberno do Colexio Eliana Martíns Alvela, quixo agradecer o apoio da Deputación da Coruña e o compromiso de todas as mulleres que fixeron posíbel este traballo colectivo que "nos ofrece unha mirada do papel que tivestes, que tedes, e que teredes aínda, e que foi imprescindíbel", dixo referíndose ás xornalistas presentes. Martíns explicou que existen moitos estudos sobre o tratamento das mulleres nos medios, pero "faltábanos falar de nós mesmas, de como foi entrar nas redaccións". Por iso, o proxecto visibiliza o labor das xornalistas galegas en tres momentos da súa historia: o das profesionais que realizaron as entrevistas, o das entrevistadas que debuxan un retrato da profesión nos momento da construción da democracia e da autonomía e o das pioneiras cuxas biografías son recollidas na introdución . "Unha viaxe de preto dun século", destacou, polo xornalismo galego con nome de muller, na que "se pon a dialogar o pasado co presente", ao tempo que se mostrou "convencida de que este traballo de recoller a nosa memoria terá máis percorrido".

Na liña do diálogo do proxecto, xornalistas novas que cubrían o acto preguntaron ás entrevistadas presentes que lles dirían ás novas xeracións, ante un futuro que, como definiu Tareixa Navaza, está "moi difícil, sobre todo a nivel laboral". Isabel Bravo desexoulles que "sigades unidas e acompañándovos unhas ás outras" e María Xosé Porteiro pediu que "igual que vós estabelecedes este nexo con nós, que outras que veñan detras o estabelezan con vós", mentres Carmen Merelas insistiu en que "a vocación está moi ben, pero hai que ter vida a parte da profesión, mesmo para ser mellores xornalistas". Desde a banda do optimismo, Ujué Foces apostou por que "un bo xornalista sempre vai ser necesario" e só lles pediu que "traballen con honestidade", e Pilar Fariña botou man da memoria para concluir que "foi difícil, pero despois foi bonito, para min a profesión é en verdade extraordinaria":  

As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada

As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada consiste nun volume de 230 páxinas editado polo Colexio, así como nun espazo web con materiais adicionais, no que se visibiliza e rescata o papel das mulleres dentro da historia do xornalismo galego, ao tempo que se busca inspirar as novas xeracións con referentes mulleres.

Para iso, combina unha introdución sobre o papel das mulleres desde o nacemento do xornalismo galego con entrevistas a informadoras da historia máis recente: Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey e Ana Romaní. As autoras das entrevistas son Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso, e a publicación conta con fotografías de Lucía Junquera.

CPXG