"Nacho era un xornalista de rúa, que lle gustaba estar onde nacían as historias"
O acto de presentación do libro Mirás: Xornalismo gaiteiro serviu esta mañá para reivindicar a figura de Nacho Mirás, falecido hai unha década, como un dos grandes xornalistas galegos dos últimos anos. Na Facultade de Ciencias da Comunicación, familiares, amizades e compañeiros e compañeiras destacaron nun "acto de amor" o labor dun profesional "que quería contarlle á xente o que lle pasa a xente" e valoraron a publicación do volume como un exemplo de xornalismo para as novas xeracións.
A Aula de Visionado 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación de Mirás: Xornalismo gaiteiro, un volume elaborado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración da Deputación da Coruña, La Voz de Galicia e a Facultade, que recolle algúns dos mellores textos de Nacho Mirás Fole. O acto serviu de homenaxe do conxunto da profesión ao xornalista, colexiado do CPXG e profesor universitario, cando se fai unha década do seu pasamento.
Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade, deu a benvida ao público asistente a unha facultade que "foi tamén unha das casas de Nacho, porque aquí está tamén a súa pegada", e lembrou algunhas das iniciativas que, como a aula que leva o seu nome ou a Bolsa Nacho Mirás, perpetúan o legado dun profesional que "sabía que as historias tamén se tocan e que as emocións tamén se escriben. A continuación, Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Santiago de Compostela lembrou a carreira xornalística de Mirás desde a súa primeira experiencia na revista Alborada do Centro Galego de Barcelona, até a entrada no periódico que "foi a súa principal casa como xornalista ao longo da súa vida. Carballo salientou que "Nacho era un xornalista de rúa, que lle gustaba estar onde nacían as historias", e afirmou que "asinou algunhas das mellores páxinas de La Voz e, o que é máis importante, das nosas vidas". O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, aplaudiu "o labor que fan os e as xornalistas en todos os seus medios" e chamou a "reivindicar os Nachos que hai no mundo do xornalismo nun momento complicado para a profesión". Pola súa banda, Belén Regueira, decana do Colexio de Xornalistas, destacou que a publicación deste libro é "un acto de amor de toda a profesión" e defendeu o valor de que "sexamos quen de xuntarnos para honrar os mellores de entre os nosos, como sen dúbida era Nacho".
Regueira foi a encargada tamén de dar paso, intercalando leituras dalgúns dos textos de Mirás recollidos no volume, a unha representación de familiares, compañeiros e compañeiras de profesión e amigas e amigos de Mirás, que fixeron lembranza do xornalista. Darío Janeiro agradeceu a todos os participantes na realización do volume e valorou que a Mirás. Xornalismo gaiteiro é "por unha parte un libro individual, porque podemos ler os mellores textos de Nacho, pero por outra parte é un traballo colectivo, un traballo de tribo, como lle gustaba dicir a el". Xosé López García cualificou a Nacho Mirás como "un dos grandes xornalistas galegos dos últimos 50 anos" e indicou que "tiña unha visión do xornalismo que quería contarlle á xente o que lle pasa a xente, pondo no centro as persoas". Tamara Montero imaxinou un Nacho Mirás que estivera aínda aquí, que "seguramente sería Tiktoker" e estaría "máis rebotado que nunca" coa deriva da profesión, polo que destacou a importancia de "que este libro exista para que a xente nova saiba que hai outro xeito de facer xornalismo". Fernando Varela Bibián afirmou que nunha profesión gobernada pola inmediatez e a caducidade, "hai excepcións que iluminan o que significa o xornalismo, e os textos de Nacho son unha desas excepcións". Por último, Ainhoa Apestegui asegurou que "este libro foi moi fácil de argallar porque xa estaba escrito" e aplaudiu que a partir da súa publicación "xuntámonos todos" para celebrar un acto que "estou convencida de que a Nacho lle encantaría".
Mirás: Xornalismo gaiteiro
Mirás: Xornalismo gaiteiro é un libro publicado polo Colexio de Xornalistas, coa colaboración da Deputación da Coruña, La Voz de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Nas súas case duascentas páxinas, o volume recolle algúns dos textos máis memorábeis de Mirás, desde reportaxes ou entrevistas até entradas do seu coñecido blog rabudo.com. O libro inclúe, igualmente, varios artigos de xornalistas amigas e amigos que lembran vivencias con Mirás, así como unha serie de imaxes de fotógrafos que o retrataron ao longo dos anos.
O Colexio de Xornalistas mantén viva a figura de Mirás coa Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, que este ano chegou á súa décima edición, e que gañaron Paula Pérez Cantelar, Xoel Rodríguez Poy e Iria Ramos Mesía con Trescentostrece, un proxecto divulgativo sobre os concellos de Galicia. A bolsa conta co patrocinio ininterrompido de Abanca desde os seus inicios. Pola súa parte, na facultade de Ciencias da Comunicación existe a aula Nacho Mirás como recordo permanente do que tamén foi profesor deste centro.
CPXG



