O Foro 'Un país coa súa lingua' propón vincular as axudas aos medios á presenza efectiva do galego entre outras medidas para impulsar o uso do idioma

O foro participativo Un país coa súa lingua, impulsado polo Consello da Cultura Galega e que contou coa participación de Ana González Liste en representación do Colexio de Xornalistas, vén de publicar o seu informe de conclusións con propostas para revitalizar o uso do galego. No que fai ao ámbito xornalístico, o documento alerta dun "compromiso desigual dos medios de comunicación" e propón unha serie de medidas a curto e medio prazo, encabezadas polo reforzo dos requisitos lingüísticos nas axudas a medios. 

 

O foro participativo Un país coa súa lingua, desenvolvido ao longo de todo un ano polo Consello da Cultura Galega para analizar a realidade actual da lingua galega e procurar revitalizar o seu uso, vén de publicar o seu informe de conclusións. O docimento, de máis de 150 páxinas, propón unha serie de medidas concretas e prioritarias para activar no curto e medio prazo co obxectivo de "reverter a situación do galego".

O relatorio pretende fixar unha lista acoutada de medidas de alto impacto, asignar responsabilidades e mecanismos de coordinación entre os distintos actores e estabelecer unha base común de seguimento que permita avaliar os avances en seis áreas distintas: educación e socialización; administración, xustiza e servizos públicos; sanidade, ciencia e servizos sociais; comunicación, cultura e acción exterior; economía, turismo e deporte; e xociedade, crenzas e participación comunitaria.

No que fai á comunicación, onde o foro contou coa participación de Ana González Liste en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o documento constata un "compromiso desigual dos medios de comunicación". Así, asegura que os porcentaxes e controis "laxos" das axudas públicas que provocan que empresas con escasa presenza do galego reciban financiamento equivalente ao de proxectos integramente nesta lingua e alerta da "mestura crecente de contidos en castelán e galego" nos medios públicos, que debilita a función normalizadora, ao tempo que nas cadeas estatais a presenza da lingua é "anecdótica e tende a minguar". Esta situación provocaría unha falta de "incentivos para o investimento sostido en redaccións, cobertura territorial e formatos innovadores en lingua galega".

Como medidas para mellorar a presenza do galego nos medios, desde o Foro proponse como principal medida reforzar os requisitos lingüísticos das axudas a medios, de maneira que a axuda sexa maior canto maior sexa a presenza efectiva do galego, se estabelezan sistemas de verificación independentes e se teña unha consideración específica para os medios dixitais nativos. Ademais diso, apúntanse outras accións como realizar unha campaña cidadá para ampliar os contidos en galego en RTVE Play, cuxa cantidade contrasta coa do catalán e o éuscaro; crear un código de boas prácticas para entrevistas, roldas de prensa e comunicación institucional, coa vontade de que os medios respecten a lingua orixinal das declaracións en galego; subir do catálogo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e as radios públicas a plataformas abertas; estabelecer un plan plurianual de dixitalización e licenza do patrimonio audiovisual; desvincular a idea da "prensa en galego" da "prensa sobre o galego" impulsando formación específica en temas como xornalismo de datos, investigación, economía ou deportes; e promover a formación continua de profesionais dos medios en competencias lingüísticas mediante convenios co Colexio de Xornalistas e coas facultades de Comunicación.

CPXG