Os obradoiros sobre tratamento das violencias machistas nas redaccións comezan no 'Faro de Vigo'
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia realizou onte, na sede do Faro de Vigo, o primeiro dos obradoiros que levan ás redaccións galegas a formación para mellorar o tratamento informativo das violencias contra as mulleres. Fátima Frieiro, unha das xornalistas formadas especificamente na materia polo Colexio, trasladou aos e ás profesionais do xornal vigués ferramentas profesionais, adaptadas ás esixencias e ritmos de traballo dunha redacción, para mellorar a calidade das informacións sobre as violencias machistas. Esta experiencia, pioneira na nosa comunidade, é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2025
A sesión formativa achegou coñecementos e técnicas prácticas, ao tempo que se resolveron dúbidas e se formularon reflexións profesionais sobre unha materia informativa que se estendeu nos últimos tempos a tódalas seccións, da Política ao Deporte ou á Economía. Algúns dos puntos tratados foron a diversificación das fontes (con ideas para evitar o abuso de fontes veciñais ou familiares), a contextualización (cunha explicación de por que a violencia de xénero é un problema estrutural e require un tratamento diferenciado con respecto a outros crimes) ou a necesidade de construir un relato xornalístico dos feitos que non caia na culpabilización da vitima e evite a revitimización.
Fátima Frieiro é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun mestrado en Márketing e Comunicación Política. Leva case dúas décadas exercendo o xornalismo na prensa escrita en cabeceiras como Diario de Arousa (da que é actualmente redactora xefa) e anteriormente en Diario de Pontevedra ou Faro de Vigo. Tamén participa habitualmente no faladoiro de Radio Arosa Cadena Ser. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
O Colexio de Xornalistas vai impartir obradorios este ano noutros catro dos principais medios da nosa comunidade. O mércores que vén, 29 de outubro, a formación sobre o tratamento das violencias machistas chegará ás redaccións de El Progreso, da man de Carmen Quintela, e de Europa Press, impartida por Marga Tojo.
Con estes obradoiros ábrese unha nova fase do programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021. A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A formación nesta materia chega agora ás redaccións tras a sinatura dun convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co que se dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG