Corenta traballadores para realizaren un telexornal de media hora ao día
A redución das emisións en galego na TVE non é nada novo. Desde o pasado verán o ente público só realiza unha desconexión de media hora ao día para a emisión do telexornal das 14:00 horas. O descenso dun 75% das emisións en galego en La Primera e La 2 coincidiu co polémico plan de saneamento de TVE realizado pola SEPI. Aínda así, e malia que a sociedade quería reducir o número de traballadores das delegacións galegas de setenta a vinte, corenta persoas conservaron o seu posto de traballo. É por iso polo que desde o Comité de Empresa de TVE en Galicia asegúrase que se está a desaproveitar o potencial do cadro de persoal con só media hora de emisión ao día.