A alfabetización mediática do CPXG chega ao IES Camilo José Cela de Padrón co primeiro de dous obradoiros

Marga Tojo imparte o obradoiro contra a desinformación no IES Camilo José Cela

Esta mañá, o alumnado do IES Camilo José Cela de Padrón recibiu a visita da xornalista Marga Tojo para achegarlles o primeiro de dous obradoiros contra a desinformación, dentro do programa posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que chega aos institutos da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña. O centro acollerá un novo taller o vindeiro 24 de abril.

Unha nova edición dos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña visitou hoxe o IES Camilo José Cela. A rapazada de Padrón puido desfrutar dun taller, ás 12:45, impartido pola xornalista Marga Tojo González, comunicóloga e escritora, que traballou durante unha década no extinto xornal Galicia Hoxe e forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, ademais de colaborar con eldiario.es, Público, Nós Diario ou O Salto diario. No centro vai realizarse un segundo obradoiro o vindeiro 24 de abril, nesta ocasión da man de Miguel Rodríguez Fernández.

Obradoiros contra a desiniformación 

O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. A través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, os rapaces e rapazas do IES Camilo José Cela  reflexionaron sobre que intereses se atopan detrás da desinformación, descubriron as estratexias de quen difunde mentiras e aprenderon a ser eles mesmos verificadores das novas. O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas.

​Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.

CPXG