A alfabetización mediática do CPXG trasladouse á Fonsagrada

Obradoiro impartido na Casa da Cultura da Fonsagrada por Pilar Rodríguez Losada

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organizou este xoves na Fonsagrada unha nova entrega dos obradoiros contra a desinformación na provincia de Lugo, organizados coa subvención da Deputación de Lugo. O taller de alfabetización mediática, deseñado para trasladar a poboación adulta coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas, estivo impartido por Pilar Rodríguez Losada.

A mañá deste xoves 9 de xullo tivo lugar na Casa da Cultura da Fonsagrada un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nunha vintena de localidades lucenses, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. 

O público desta localidade puido desfrutar deste acto dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta. No taller, as persoas asistentes puideron afondar nas diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información.

O obradoiro, realizado ás 12:30 da mañá, estivo impartido por Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Rodríguez Losada recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.

Obradoiros contra a desinformación 

O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade. 

Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

CPXG