A Asemblea de Xornalistas chama a empresas e Xunta a garantir a continuidade do emprego en condicións dignas

A IX Asemblea de Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), reunida o sábado en Santiago, aprobou o informe presentado polo seu decano, Xosé Manuel Pereiro, no que fai un chamamento a Xunta, empresas e sindicatos a implicarense na defensa dos empregos en condicións laborais dignas.
En concreto, o informe insta á Xunta "a velar polo cumprimento da legalidade e a vencellar as axudas públicas a proxectos empresariais e ao mantemento do emprego". Das empresas reclama "un esforzo para manter os postos de traballo que lles permitiron no pasado obter beneficios". Por último, o documento aprobado pola asemblea convida ós sindicatos de clase "a implicarse na defensa do colectivo do mesmo xeito que fan con outras profesións".

O máximo órgano de representación do CPXG ofreceuse de novo a colaborar nas accións reivindicativas convocadas polo Sindicato de Xornalistas de Galicia, tal e como fixo ó longo do ano que remata.

O decano, Xosé Manuel Pereiro, constatou no seu informe que "a situación laboral é, a día de hoxe, a principal preocupación dos xornalistas" e alertou de que "a reducción de persoal nas redaccións indice negativamente na calidade dos contidos e lesiona o dereito dos cidadáns a recibiren unha información, plural e de calidade".

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebrará o vindeiro ano o décimo aniversario da súa constitución, aprobada polo Parlamento de Galicia. Pereiro convidou a abrir unha reflexión sobre os vindeiros dez anos "que serán os peores da historia para os medios de comunicación, pero, para o periodismo, van ser dos mellores". "O camiño que queda por percorrer é longo, pero nunca se deu un segundo paso sen dar antes o primeiro", concluíu.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia