A Comisión Europea alerta sobre os desafíos da liberdade de información en Europa

O segundo informe sobre o Estado de Dereito na UE, publicado pola Comisión Europea, avalía aspectos relativos á liberdade de información e alerta dun deterioro da protección dos e das xornalistas, ademais de requirir medidas para fortalecer a independencia mediática e para garantir información sobre a propiedade dos medios ou a asignación de publicidade estatal. O relatorio destaca tamén o desafío económico que significou a pandemia da covid-19, con especial incidencia nos medios locais e os xornalistas á peza. 

A Comisión Europea vén de publicar o seu segundo informe sobre o Estado de Dereito na Unión Europea, que avalía diversos aspectos sobre esta cuestión en Europa, con especial atención á situación tras a pandemia da covid-19 e con capítulos específicos para cada estado membro da Unión. O relatorio examina tamén aspectos relativos á liberdade de información e a pluralidade mediática, e a Federación Europea de Xornalistas saudou que aborde temas como o deterioro da seguranza das e dos xornalistas, a falta de transparencia ou a interferencia política, reclamando aos Estados membros que melloren as condicións e a lexislación para exercer a comunicación.

O informe revela que ningún dos países analizados está libre de riscos para o pluralismo mediático, téndose deteriorado a protección dos e das xornalistas e a liberdade de prensa fronte ao relatorio do ano pasado. Lembra ademais que a Directiva de Servizos de Medios Audiovisuais inclúe requisitos específicos para fortalecer a independencia das autoridades nacionales de medios de comunicación que non se implementaron aínda en varios países, entre eles España. Alerta tamén da necesidade de proporcionar de maneira transparente información sobre a propiedade dos medios ou a asignación de publicidade estatal, vital para que as audiencias sexan conscientes das interferencias políticas e as presións sobre os medios que continúan en numerosos estados. Asímesmo, reclaman que se garanta o dereito de acceso á información e se aumente a protección dos e das xornalistas, cada vez máis vítimas de ameazas dentro da UE. 

En canto á situación provocada pola pandemia, o relatorio recolle que provocou serios desafíos económicos para o sector de los medios, sendo os locais e rexionais os máis afectados. Detéctase un aumento dos niveis de desemprego no sector e da vulnerabilidade dos e das xornalistas baixo presión, e alértase de que a pesarde que a metade dos Estados membros desenvolveron planos específicos de apoio aos medios, en moitos casos resulta difícil incluír neles os grupos máis vulnerábeis como os e as xornalistas á peza.

No caso do capítulo referente a España, destácase que o Goberno está a tomar medidas para abordar as cuestións de acceso á información, pero seguen a existir problemas relativos á transparencia da propiedade dos medios, cunha concentración en España que se define como "alta". A Comisión Europea expón a súa preocupación sobre os contratos de publicidade institucional, así como sobre a dotación de recursos para a CNMC como regulador audiovisual. Por outra banda, destácase a posta en marcha de algunhas medidas para ofrecer apoio financeiro aos medios no contexto da crise sanitaria. 

CPXG