A Comisión Europea pide maior seguridade para as e os xornalistas

O Discurso sobre o Estado da Unión Europea deste ano tratou por vez primeira a cuestión da seguridade dos xornalistas en Europa, destacando o seu deterioro. Para atallar esta situación, a Comisión Europea aprobou a recomendación da UE para asegurar a seguridade dos xornalistas e traballadores dos medios e anunciou a presentación dunha Lei Europea de Liberdade de Prensa. 

No cadro do Discurso sobre o Estado da Unión Europea (UE) celebrado este mércores 15 de setembro, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, fixo fincapé na necesidade de protexer a liberdade de prensa en Europa, destacando a situación de deterioro na que se encontra neste momento, exemplificada nos asasinatos de Daphne Caruana Galizia, Jan Kuciak e Peter de Vries. Von der Leyen anunciou tamén dúas iniciativas neste sentido: a recomendación da UE para asegurar a seguridade dos xornalistas e traballadores dos medios e a Lei Europea de Liberdade de Prensa.

A recomendación da UE para asegurar a seguridade dos xornalistas e traballadores dos medios, presentada este xoves por Věra Jourová, vicepresidenta da Comisión Europea, chama a non menosprezar o feito de que até 900 profesionais dos medios foron atacados na Unión Europea o último ano.  Entre outras cuestións, a recomendación insta aos estados membros da UE a investigar e perseguir todos os actos delictivos cometidos contra xornalistas, fomentar o establecemento de mecanismos independentes de resposta rápida para xornalistas en perigo, garantir o acceso á información, promover a formación en materia de liberdade de prensa no eido xurídico e asegurar a protección social fronte ao desemprego, enfermidade e outros riscos profesionais para as e os comunicadores, incluíndo os freelance

Así mesmo, anunciouse a presentación ao longo do ano que entra dunha Lei Europea de Liberdade de Prensa que sirva para salvagardar a independencia dos medios. A necesidade desta lei xa foi defendida polo Comisario europeo de Mercado Interior e Servizos, Thierry Breton, quen afirmou que debera basearse en tres principios básicos: apoiar ao sector nun mercado fragmentado; reorganizar o espazo informativo, con particular atención á responsabilidade das plataformas; e garantir a liberdade de prensa e o pluralismo mediático ante os ataques que están sufrindo nalgúns estados europeos. 

Organizacións de prensa como a Federación Internacional de Xornalistas saudaron a aprobación da recomendación, aínda que lamentaron que polo momento só se trate de medidas non vinculantes.

CPXG