A Coruña, o primeiro concello galego en adherirse ao Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística

O pleno municipal da Coruña acolleu o pasado 10 de novembro a declaración institucional de adhesión ao Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, posto en marcha polos colexios de xornalistas para pór en valor o papel dos profesionais da comunicación e reclamar a contratación de xornalistas para labores informativos. A corporación da Coruña convértese así na primeira entidade local en apoiar este documento, que xa foi subscrito pola Fegamp e trasladado a outros concellos galegos. 

O Concello da Coruña vén de comunicar ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia a súa adhesión ao Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, o acordo impulsado polos colexios profesionais de xornalistas en defensa da contratación de xornalistas para os labores informativos nas administracións. A declaración institucional de adhesión foi realizada no pleno municipal do pasado 10 de novembro, logo de ser trasladado o texto do compromiso aos voceiros dos grupos políticos do Concello da Coruña e recibir o seu visto e prace. 

A Coruña convértese así na primeira administración local que apoia publicamente esta iniciativa en defensa da profesión xornalística e da mellora das políticas de comunicación. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) xa subscribiu o documento en xuño deste ano e instou aos distintos concellos galegos a adherirse tamén a el. Ademais, nunha primeira fase da busca de apoios locia, o Colexio de Xornalistas dirixiuse directamente aos gobernos das nove cidades galegas máis poboadas para solicitar a súa adhesión ao compromiso. 

Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, impulsado polos colexios profesionais de xornalistas, pon en valor o papel dos profesionais da comunicación e reclama a creación de postos de estrutura definidos claramente para a comunicación social e institucional, que sexa necesario ter o título universitario correspondente para realizar estas funcións e que as administracións apliquen estes mesmos criterios no caso de externalizacións. O Colexio de Xornalistas confía en que ao apoio do Concello da Coruña se vaian sumando axiña o do resto de administracións locais galegas.

CPXG