A Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e o CPXG comprométense a levar a formación especializada en xénero aos medios de comunicación en Galicia
Belén Regueira, decana do Colexio de Xornalistas, Eliana Martíns, tesoureira, e Ana González Liste, membro da Xunta de Goberno, mantiveron este mércores unha xuntanza co director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba, e a subdirectora xeral, Patricia Fernández López. No encontro, a Dirección Xeral comprometeuse a renovar o convenio para que o programa de formación contra as violencias machistas chegue ás redaccións galegas, o que se fará efectivo ao longo do ano que vén.
Unha representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia formada pola decana Belén Regueira Leal, a tesoureira Eliana Martíns Alvela, e a membro da Xunta de Goberno Ana González Liste reuniuse na mañá deste mércores 26 co director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro, así como coa subdirectora xeral, Patricia Fernández López. O obxectivo da xuntanza era estabelecer liñas de colaboración para mellorar o tratamento informativo en relación coa violencia de xénero. Entre as accións expostas, acordouse retomar a colaboración que permitira no 2021 pór en marcha a primeira fase dun programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas.
No encontro, desde a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero expresouse a vontade de renovar axiña o convenio co Colexio de Xornalistas, o que permitirá en 2025 levar o programa educativo ás redaccións galegas, logo da fase previa na que se realizou a formación dunha rede de xornalistas que exercerán de docentes nos medios de comunicación. A cooperación entre as dúas entidades encádrase na colaboración do CPXG coa Xunta de Galicia arredor do papel dos medios de comunicación e a perspectiva de xénero na información. Ao abeiro desta colaboración, actualmente estase participando nun grupo de traballo a instancias da Dirección Xeral de Xustiza para a elaboración dun manual de boas prácticas para o tratamento de delitos contra a liberdade sexual, especialmente no que atinxa a menores.
A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai xa case vinte anos, da Declaración de Compostela, polo que ten reclamado en numerosas ocasións a posta en marcha de medidas para mellorar o tratamento destas temáticas. Ademais, a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia recolle no seu artigo 58 que "a consellaría con competencias en materia de igualdade organizará actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG