A FIP e RSF publican os seus datos sobre xornalistas asasinados e encarcerados

A Federación Internacional de Xornalistas e Reporteiros sen Fronteiras publicaron nos últimos días os seus datos sobre asasinatos e encarceramento de xornalistas no 2024. Ambas as dúas as organizacións salientan a Palestina como o país máis perigoso para exercer a profesión na actualidade e apuntan a Israel como unha das maiores cárceres de xornalistas no mundo (xunto a China e Myanmar), aínda que diverxen nas cifras. RSF recolle un total de 55 informadoras e informadores asasinados, mentres que a FIP eleva a cifra até os 104. No caso das e dos xornalistas en prisión, os datos son moito máis semellantes (550 e 520, respectivamente). 

Con motivo da celebración, o pasado 10 de decembro, do Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) ven de publicar os primeiros datos do seu informe anual 2024 sobre xornalistas e persoal dos medios asasinados, que confirma que este ano foi "especialmente mortífero" para as e os profesionais da comunicación. A ese día relatorio recolle o asasinato de 104 informadores e informadoras, o 60% a consecuencia do conflito de Gaza. As xornalistas mulleres representan un 11,5% do total de mortes, con 12 asasinadas en total. 

Por segundo ano consecutivo, a rexión de Oriente Próximo e o Mundo Árabe é a máis letal para exercer o xornalismo. Máis da metade dos e das profesionais asasinados son palestinos, 55 en total, aos que compre sumar seis libaneses e un sirio mortos tamén a consecuencia do conflito iniciado o 7 de outubro do ano pasado. As 138 comunicadoras e comunicadores palestinos asasinados desde ese día, segundo as cifras da FIP, fan deste país un dos que ten maior número de vítimas mortais no xornalismo moderno, só por detrás de Irak, Filipinas e México. Nesa mesma rexión, tres xornalistas iraquís foron tamén asasinados.  En Asia-Pacífico, a morte de xornalistas tivo especial incidencia no subcontinente indio (seis asasinatos en Paquistán, cinco en Bangladesh e tres na India). Ademais, tres xornalistas faleceron baixo o réxime militar de Myanmar, aos que hai que sumar un comunicador morto en Indonesia e outro en Casaquistán. En África, onde houbo oito falecementos, Sudán foi o país máis mortífero con cinco informadores asasinados, seguido de Somalia (dous) e Chad (un). En América, a FIP contabilizou en 2024 seis mortos , cinco deles mexicanos e un colombiano. Europa foi o continente máis seguro para a profesión, mais con todo a guerra de Ucraína cobrouse catro mortes de xornalistas e traballadores dos medios este ano.

Este xoves 12 de decembro publicábase tamén o Balance 2024 de Reporteros Sin Fronteras, que recolle, a día 1 de decembro, un número menor de mortes, nomeadamente pola maneira de determinar que as e os comunicadores foron asasinados polo exercicio do xornalismo, explicitando que se exclúen aqueles falecementos cuxa relación co traballo non se puidera confirmar aínda. A organización internacional computa un total de 55 informadoras e informadores asasinados (51 xornalistas profesionais, un xornalista non profesional e dous traballadores dos medios). Deles só dúas serían mulleres, e o 54,7% do total morreron en zonas de conflito. 

A nivel xeográfico, destaca tamén a zona de Oriente Medio, con Palestina como o territorio con máis xornalistas asasinados e asasinadas (16), aos que hai que sumar tamén dous xornalistas mortos no Líbano. RSF destaca que "o exército israelí é responsabel da morte dun terzo de todos os xornalistas no 2024" e que "Palestina rexistra o maior número de vítimas mortais do planeta nos últimos 5 anos". Ademais, o balance destaca "o elevado número de reporteiros asasinados en Paquistán (sete) e durante as manifestacións en Bangladesh (cinco)". Outros países con varios informadores e informadoras asasinadas segundo os datos da organización foron México (cinco), Sudán (catro), Birmania (tres), Colombia (dous) e Ucraína (dous). Finalmente, Chad, Honduras, Indonesia, Iraq, Nepal, Rusia, Siria e Turkmenistán aparecen na lista de RSF cun asasinato de xornalistas cada un. 

Xornalistas en prisión

O informe da FIP recolle tamén os datos de xornalistas en prisión a 10 de decembro de 2024, cun total de 520 encarcerados e encarceradas, o que significa un grande aumento con respecto aos anos anteriores (427 no 2023 e 375 no 2022). China é a maior prisión do mundo para exercer o xornalismo (con 135 xornalistas entre reixas incluídos os presos e presas de Hong Kong), seguida de Israel (con 59 xornalistas palestinos e palestinas encarceradas) y Myanmar (44). Só na rexión Asia-Pacífico hai 254 xornalistas entre reixas, por diante de Europa (142), Oriente Próximo e o Mundo Árabe (101), África (17) e América Latina (6).

Neste caso, as cifras de RSF son lixeiramente superiores ás da FIP, recollendo 550 informadores e informadoras encarceradas, e destacando tamén que Israel, con 41 presos e presas, está "entre as tres maiores prisións de xornalistas do mundo", só superada por China (124, dos cales 11 son en Hong Kong) e, neste caso, Myanmar (61 segundo os datos de RSF). Outros países cun alto número de xornalistas entre reixas serían Belarús (40), Rusia e Vietnam (38 cada un), Irán (26), Siria (23), Arabia Saudita e Exipto (19 cada un).  A maiores, o balance de RSF recolle tamén 55 xornalistas secuestrados e secuestradas en todo o mundo (38 en Siria, nove en Irak, cinco no Iemen, dous en Malí e un en México), co Estado Islámico como principal secuestrador de informadoras e informadores (25 en total), seguido dos grupos rebeldes sirios (19). FInalmente, lembra que preto dun centenar de xornalistas continúan desaparecidos e desaparecidas, con catro novos casos este último ano: os de Alain Traoré en Burkina Faso, Fabiola Tercero Castro en Nicaragua, Zhanna Kyselova en Rusia e Hanin Gebran en Siria. 

CPXG