A gravación da xornada sobre Begoña Caamaño serve de epílogo ao podcast 'Poñer a Voz'

O programa de radio realizado ao vivo o pasado 25 de abril en Santiago de Compostela pon o ramo ao podcast do Colexio de Xornalistas sobre Begoña Caamaño, realizado co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. As case dúas horas de testemuños de compañeiras de profesión, lectura de textos da homenaxeada e a música de Uxía serven así de epílogo aos cinco episodios de Poñer a voz.

Cunha primicia na voz da irmá de Begoña Caamaño, Beatriz, arranca o programa de radio ao vivo celebrado o pasado 25 de abril na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela. Un encontro festivo cuxa gravación agora serve de epílogo ás cinco entregas de Poñer a Voz, coas voces de periodistas de varias xeracións e coa lectura de textos de Caamaño da man das súas compañeiras da radio.

Conducido por Mónica Rosas, no encontro contou coas intervencións de Lucía Junquera, Ana Romaní, Sonia Díaz, María Xosé Porteiro, Pablo Lago e Marga Tojo; ademais da lectura de textos de Begoña Caamaño nas voces de Bea Caamaño, Eva Sandino, Concha de la Fuente, Anxo Quintela e Concha Cid Fuentes. Ao longo de dúas horas as participantes debullan o pasado, analizan o presente e albiscan o futuro do xornalismo a partir da traxectoria de Caamaño, do seu rigor profesional, o seu compromiso e a súa alegría. O peche musical vén da man de Uxía, con dous temas escritos para ela.

Poñer a voz

O podcast Poñer a voz é un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a vida de Begoña Caamaño. Desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde prende a paixón por contar historias, ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos. Como nexo: o xornalismo. A radio como medio fundamental, pero tamén os artigos que escribiu na prensa e revistas especializadas. Unha lingua e unha linguaxe propia, diferente á literaria, pero que tamén conforma as nosas Letras Galegas.

Poñer a voz pode escoitarse a través de Ivoox, Spotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas. Ademais da voz conservada pola radio da propia Begoña Caamaño, e da dirección e condución de Lucía Junquera, o podcast conta coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.

CPXG